O poeta chairego deixounos no 2004. Tamén o 8 de setembro fanse 30 anos da tradución ao portugués d' Os soños na gaiola.
Este sábado, no Muíño do Rañego, en Vilalba, faráselle unha homenaxe ao autor no seu terceiro cabodano. A Fundación Manuel María organiza un acto que consiste en colocar o segundo hectómetro literario no "camiño dos soños", a partir das 12.00.
Haberá ademais unha táboa redonda na Casa de Cultura vilalbesa, arredor da tradución ao portugués de Sonhos na gaiola. Nela participarán Concha Blanco, escritora e mestra en Cee, María Xosé Lamas, directora do Centro Dramático Vilalbés e mestra en Vilalba, a escritora Paula San Vicente, gañadora do Premio Carballo Calero, Paco Martín, escritor e Premio Nacional de Literatura Infantil con Das cousas de Ramón Lamote, e Carlos Quiroga, profesor na USC de linguas lusófonas, e director da revista Agália.
Modéraos David Otero, escritor e profesor na Estrada.Logo de xantar no restaurante Río Ladra de Gaioso, ás 18.00, terá lugar un de poemas do autor da Terra Cha, nas Penas de Rodas. Unha hora despois haberá unha ofrenda floral no Cemiterio de Outeiro de Rei.
A navalla do Manuel
Para rematar, no Campo da Santa Sabel, desenvolverase un rito compartido: "A navalla do Manuel". O poeta adoitaba coleccionar navallas, un símbolo de confraternidade: para cortar o pan, para compartir, nunha sorte de comuñón laica. Xa o ano pasado lles fora entregada unha navalla simbólica a Mini e Mero, da Quenlla, responsábeis da pregaria. Este ano volve a Quenlla render homenaxe ao poeta, xunto a Miro Casabella, Antón Valcarce, e outros moitos poetas e músicos.