Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Esta fin de semana en Compostela

'Golulá' volve aos escenarios galegos

Logo de obteren o premio ao mellor espectáculo infantil na X Feira de Teatro de Ciudad Rodrigo, a compañía galega Galitoon trae Golulá de novo. O Teatro Principal acolle dúas funcións, o sábado e o domingo ás oito.

Redacción - 16:00 07/09/2007



Había unha vez un país que se chamaba Golulá. Só tiña unha nube, e a xente tiña medo de perdela. Por iso estaba vixiada por Bunkaa, un gorila enorme cun enorme corazón, e pola súa amiga Lara, unha nena aventureira e riseira. Pero un día, o malvado Doutor Terrier rouba a única nube de Golulá, e os ríos secan, a risa deixa de ser ouvida, os meniños teñen sede... Así que Lara e Bunkaa comezan a buscar a nube, nunha viaxe chea de emocións e perigos, por terra, mar e aire, para salvaren o seu país.

Este é o argumento da primeira montaxe teatral de Golulá, de Galitoon Productions. Andrea Bayer diríxea e interpreta a un dos personaxes, xunto con Santiago Alonso, Chisco Casteleiro e Óscar Ferreira. Acabados de chegar de Ciudad Rodrigo, Bayer confesa que non sabían nin que había premios. "Para nós xa foi unha honra sermos seleccionados". A compañía galega foi unha das 26 escolleitas entre 440 presentadas.

Golulá
mestura teatro de actor, monicreques de diversos tamaños, luz negra e teatro de obxectos... A montaxe, ademais de estimular a imaxinación e a creatividade dos máis cativos, serve para educar en valores cívicos, familiares e sociais, como o respecto ás diferenzas, a tolerancia ou como afrontar os medos. Ademais, incentiva hábitos como a curiosidade polo teatro, o sentido do ritmo e a musicalidade, e o gusto pola lectura e a escrita.

Unha proposta didáctica que non deixa de ser divertida e chea de emocións. Agora poderemos vela no Teatro Principal de Compostela, o sábado 8 e o domingo 9 ás 20.00. As entradas custan 3 €, e pódense obter no despacho de billetes do Teatro dende este venres 7, de 12.30 a 14.00 e de 18.00 a 21.00.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: