Quintana pretende que no gabinete se conxuguen os perfís políticos e técnicos.
A primeiras horas da mañá do xoves a noticia saltaba a todos os medios, o Consello da Xunta ía aprobar a substitución do secretario xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia. Xavier Ferreira substituía a Antón Losada como número dous do departamento que dirixe Anxo Quintana. Logo da treboada que ergueu o cambio, agardado dende hai meses por moitos, o vicepresidente traballa para engraxar de novo a maquinaria.
Quintana ten claro que é preciso reformular unha secretaría xeral cargada de demasiadas funcións. Por iso, agora trabállase coa proposta de dividir en dous o cargo: unha Secretaría Xeral de Vicepresidencia, que ocuparía Xavier Ferreira, e unha de Relacións Institucionais. Para esta última búscase un perfil moito máis político, que sirva tamén para a coordinación das diferentes áreas nacionalistas do Goberno.
O que si está confirmado é que Manuel Martínez Barreiro será o novo xefe de gabinete da Vicepresidencia. Á súa xa longa militancia no nacionalismo, hai que sumar unha notábel experiencia xornalística. Barreiro colaborou habitualmente como comentarista político en medios como a Radio Galega, Radio Líder, Tempos Novos e Vieiros.