Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Do 2 de outubro ao 29 de novembro

'Pobre mundo rico' converterá Galiza nun referente na denuncia da desigualdade

O simposio organizado polo Club Internacional de Prensa terá actividades nas sete cidades e emitirase a través da rede.

Redacción - 14:15 05/09/2007

O 2 de outubro arranca en Vigo o simposio Pobre mundo rico, unha ambiciosa iniciativa do Club Internacional de Prensa (CIP) na que se falará sobre a pobreza e a desigualdade no mundo actual. As actividades repartiranse polas sete cidades do país e poderanse ver, ademais, na rede.

Así o anunciou o Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias, quen expresou o seu desexo de que o simposio converta Galiza nun referente mundial na divulgación destes temas. Será, ademais, o primeiro que se distribuirá ao longo das cidades do país, sen unha sede única, a xeito de denuncia colectiva. Esta característica fixo que o esforzo organizativo fose “tremendo”, e imposíbel sen a axuda doutras institucións.

Pobre mundo rico ofrecerá, ademais, a posibilidade de asistir a máis de 50 proxeccións audiovisuais que non se poden ver nos circuítos tradicionais. Desenvolveranse 39 conferencias e 14 mesas debate con máis de 80 expertos de todo o mundo. Tanto é así, que a directora do CIP, Carme Carballo, non quixo destacar que convidados teñen máis relevancia. Si explicou que todos cobrarán os mesmos honorarios testemuñais, e é que o simposio terá “un orzamento austero”.

As conferencias emitiranse en directo pola internet e logo estarán dispoñíbeis para a súa descarga. Poderase acceder ás imaxes tanto a través do blog do simposio como na páxina do CIP. As actividades serán abertas ao público en xeral e gratuítas, así como a inscrición, que dará preferencia á hora de recibir material informativo e será necesaria para obter un certificado de asistencia ou un crédito de libre configuración para o estudantado universitario.

O grupo brasileiro de teatro Loucas de Pedra Lilás poñerá o contrapunto ás conferencias con oito actuacións na rúa.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



María Pereira, de Caixanova; Fabiola Sotelo, d. x. de Cooperación Exterior; Manuel Fernández Iglesias, d. x. de Comunicación Audiovisual, e Carme Carballo, directora do CIP
María Pereira, de Caixanova; Fabiola Sotelo, d. x. de Cooperación Exterior; Manuel Fernández Iglesias, d. x. de Comunicación Audiovisual, e Carme Carballo, directora do CIP