Serafín Martínez, do Karpin Galicia, segue a ser líder da montaña despois do seu dominio nas tres primeiras tiradas.
Ezequiel Mosquera, do Karpin Galicia, é o primeiro galego da Vuelta, na novena posición tanto da xornada como da clasificación xeral. Atópase a minuto e medio do líder, o ruso Vladimir Efimkin, que chegou primeiro á meta nos Lagos de Covadonga, na cuarta tirada que partiu da vila asturiana de Langreo, cun total de 182 quilómetros.
Óscar Pereiro, do Caisse d'Epargne, quedou na praza 14, a 1:57 do líder. Na clasificación xeral é décimo terceiro. A xeral de montaña segue liderada por Serafín Martínez, con 35 puntos, grazas á súa boa actuación nas etapas que discorreron polo noso país. Agora séguelle de preto Vladimir Efimkin, cos 30 puntos que logrou dunha vez coa escalada ao porto especial de Covadonga. Na xeral por equipos, o Karpin Galicia ocupa un meritorio undécimo posto de entre os 21 que participan na carreira española, e máis se se ten en conta que é unha formación debutante.
Balance positivo
A Consellaría de Cultura e Deporte valorou de xeito moi positivo o desenvolvemento das tres primeiras etapas da Vuelta, que circularon por territorio galego. O departamento salienta o éxito no aspecto deportivo, coa “magnífica resposta do Karpin Galicia” e mais pola participación cidadá, tanto nos puntos de saída como nos de chegada en Vigo, Allariz, Santiago e Viveiro, e nas localidades de paso, con milleiros de seguidores.
Xa á gala de presentación do día 31 de agosto en Castrelos acudiron arredor de 4.000 persoas. Deporte tamén destaca a boa organización de todas as actividades, tanto a carreira en si como os espazos de promoción do ciclismo instalados nas catro localidades, que recibiron a visita de milleiros de persoas. De feito, repartíronse 5.000 camisolas deseñadas por Caixanova en colaboración coa Dirección Xeral para o Deporte.
A consellaría considera que a Vuelta foi beneficiosa para o país, coa plena ocupación hoteleira, debida ao desprazamento de 3.000 persoas. Tamén valora a proxección de Galiza no exterior grazas á retransmisión da proba, que levou a todo o mundo “a boa organización, a idoneidade da paisaxe e as boas condicións meteorolóxicas”.