Varias asociacións fan un intercambio cultural entre dúas realidades que non teñen cabida nas redes comerciais, do 7 ao 9 de setembro.
O Festival de Cerceda retómase como un intercambio cultural con Cataluña. Falamos con Emilia Candal, da Asociación Cultural A Lucerna, que xunto con Rede.cat e outros tres colectivos cataláns organizan o evento. Nun intento de pór en valor a cultura dos pobos e de dar saída a quen máis difícil o ten, sen esquecer as ganas de festa, preséntase a décimo quinta xuntanza coruñesa.
A tradición pesa pero non afoga a un festival que se di o primeiro de rock que se celebrou en Galiza. A festa e a reivindicación sempre caracterizaron a cita, xa que a vertente musical e a idea de dar saída aos grupos de Cerceda e da comarca foron os alicerces desde o 89.
Entre os puntos fortes deste XV Festival de Cerceda está, "como o estivo sempre", o dar conta do máis próximo, segundo indica Emilia Candal, ademais de fomentar o intercambio cultural tanto con grupos galegos coma con outros de fóra do país e programar actividades culturais para todos os públicos e idades.
Interacción Galiza-Cataluña
O punto de partida desta cita foi a gravación do disco A Per Loca no que participou Zenzär, entre outros grupos de Cerceda. A raíz diso celebrouse a Foliada e, considerando as reaccións positivas dos asistentes, desde Lucerna propúxose a idea de itentar organizar a volta na que se covertiu esta edición. De feito, A Gresca é o nome que propuxeron desde Barcelona tendo en conta que a cita do pasado ano se chamou dunha maneira tan galega.
Este festival está organizado pola A.C. Lucerna e Kasal Jove de Roquetes, L´ateneu popular 9 Barris, Rede.cat xunto coa colaboración de komunikando.net. Con vocación de continuidade, non se sabe se en Cerceda ou nalgún outro lugar, os promotores fomentan o intercambio de experiencias e de coñecementos, "xa que en Barcelona traballa moita xente galega".
A idea da bidireccionalidade con Cataluña é recente, segundo comenta a responsábel do evento, pero é certo que sempre veu algún grupo de fóra, "de feito, o festival de Cerceda caracterízase polo contacto coa xente", apunta Emilia. Neste sentido, a Gresca tén un carácter aberto que os levou a organizar unha serie de charlas e proxeccións para a tarde do sábado ás que se sumarán outras asociacións galegas. O paraugas baixo o que se xuntarán os colectivos nesta parte do festival é un debate e leva o nome de Que cultura queremos, o papel da cultura hoxe.
O que o festival procura
Unha das ideas de realizar este encontro de opinións é, segundo a responsábel do evento, a de cuestionarse o que quere o público ou por que non chegan os contidos que se programan en moitas ocasións. Para a organizadora da Gresca, "existe cultura nos pobos, non só nos puntos de grande produción", e en Cerceda non hai acceso diario a actividades culturais, se ben a localidade coruñesa conta unha importante realidade cultural e desde o colectivo apostan porque o pobo se dea a coñecer.
Hai algúns obxectivos que se marcaron os promotores da festa, dos que "conseguimos fomentar a participación" e, aínda que houbo rexeitamento en ocasións anteriores, quedaron pousos nos veciños que agromaron ao se enteraren da volta do Festival. Emilia Candal afirma que se conseguiu tamén unha normalidade importante que pasa e pasou por pór en valor a cultura popular.
Esta foi a conferencia de presentación dende Nou Barris: