Oito curtametraxes, catro galegas e catro portuguesas, poderanse ver aos dous lados do Miño.
A primeira edición do festival Curtas Minhotas, que amosará nas dúas beiras do Miño producións audiovisuais galegas e portuguesas, comeza esta terza feira en Vilanova de Cerveira e repetirase o día seguinte en Tomiño. As proxeccións faranse nun innovador sistema de pantallas inchábeis.
Exhibiranse catro curtas de orixe galega e outras tantas portuguesas, o martes ás dez e media (hora portuguesa) na vila ao sur do Miño e o mércores ás nove e media (hora galega) en Tomiño. A iniciativa xorde da colaboración entre a Consellaría de Cultura a través da Axencia Audiovisual Galega, o proxecto Eixo Norte/Galiza de Audiência Zero e a produtora Mr. Misto.