Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Investimento de 37.200 euros

Vinte castros serán declarados Bens de Interese Cultural

Cultura seleccionou os monumentos máis sobranceiros de todo o país.

Redacción - 12:00 01/09/2007
Vista aérea do xacemento de Castromao

Vista aérea do xacemento de Castromao

A Consellaría de Cultura vai declarar Bens de Interese Cultural (BIC) os vinte castros máis sobranceiros do país, que se sumarán aos de Elviña, na Coruña, e Santa Tegra, na Guarda, que xa contaban con ese recoñecemento. Á hora de seleccionar os monumentos tivéronse en conta criterios de conservación e de calidade do rexistro arqueolóxico.

A provincia de Lugo é a que terá máis castros recoñecidos como BIC, sete: Fazouro en Foz, Viladonga en Castro de Rei, Santa María do Castro en Cervantes, Castromaior en Portomarín e Vilar e a Torre en Folgoso do Courel. Engádense cinco poboados castrexos da provincia da Coruña: Punta dos Prados en Ortigueira, Cidá de Borneiro en Cabana de Bergantiños, Baroña en Porto do Son, Neixón en Boiro e Lupario entre Rois e Brión.

En Ourense sitúanse outros cinco: Santomé na capital, Castromao en Celanova, Coto do Mosteiro no Carballiño e Saceda e San Millán en Cualedro. Completan a listaxe tres castros pontevedreses: Donón en Cangas, Troña en Ponteareas e Penalba en Campo Lameiro.

Axiña comezarán os trámites necesarios para o recoñecemento, mediante estudos de definición e delimitación dos castros. A consellaría investirá neste labor 37.200 euros. Por outra banda, Cultura está a crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa no castro de San Cibrao de Las, entre San Amaro e Punxín. As instalacións, de máis de 25 hectáreas, comezarán a funcionar en 2009.


Ligazóns

5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: