O goberno municipal retirará das rúas os símbolos franquistas. Queda por consensuar o novo nome da vía adicada a Primo de Rivera: BNG, PSdeG e PPdeG teñen cadansúa proposta.
O concello de Salceda de Caselas, gobernado polos nacionalistas en coalición cos socialistas, vai retirar das súas rúas os símbolos franquistas. O pleno da Corporación Municipal tiña previsto aprobar este venres á noite unha proposta do equipo de goberno, na que se pide a supresión destes elementos no termo municipal.
Segundo explicou a concelleira de Cultura, a nacionalista Teresa Pérez, son obras "de escaso valor artístico", entre as que salienta un escudo da Falange gravado nunha fonte do centro da poboación, que "é a que máis nos preocupa, e queremos suprimir de forma inminente", asegurou a edil.
Ademais, destas, Pérez destacou que a iniciativa tamén instará os párrocos a que eliminen os símbolos das igrexas" xa que é nestes inmóbeis "onde se concentra o maior número" de referencias á ditadura de Francisco Franco, e tamén á de Miguel Primo de Rivera.
BNG: Galiza; PSdeG: Galicia
Dentro da orde do día tamén se contemplaba o debate sobre as diversas propostas para o cambio do nome da Rúa José Antonio, en alusión ao fundador da Falange e fillo do dictador, José Antonio Primo de Rivera, que pasará a levar o nome do país.
O problema xurde cando hai que decidir cal dos nomes do país é o elixido. Nunha comisión informativa previa ao pleno, os nacionalistas propuxeron a denominación Avenida de Galiza namentres que os socialistas avogan por Galicia.
Segundo a voceira do PSdeG, Marina Cabaleiro, "Galicia é o nome oficial da autonomía e o que se incluía no anterior acordo plenario de 1999", aínda que o seu grupo recoñece que a denominación Galiza "tamén está admitida" na lingua galega.
Os socialistas amosáronse optimistas para chegar a unha postura común ante este "matiz", que será debatido no pleno. Cabaleiro garantiu que en todo caso se cambiará o nome da rúa, aínda que se non se chega a un acordo "buscarase outro método, por exemplo, que sexan os veciños os que elixan".
PPdeG: Rúa José Antonio
Pola súa banda, o PPdeG, que xa en 1999 estivera a favor do cambio de denominación da citada rúa polo de Avenida de Galicia -que finalmente decidiu non executar polo desacordo veciñal- aínda non fixo pública a postura que defenderá.
Porén, todo apunta a que se posicionará pola opción actual, é dicir, Rúa José Antonio, porque segundo o voceiro popular e ex alcalde, Xosé Manuel Fernández, o cambio producirá "trastornos" aos empresarios da zona, "que teñen que actualizar os seus datos na alta da auga ou da luz".