Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
MATERIAL INÉDITO DE 40 ANOS DE CAMPAÑAS ESPACIAIS

A NASA amosa a súa colección de fotos e vídeos por Internet

Por primeira vez será gratuíto o acceso a documentación exclusiva

Redacción - 12:01 31/08/2007
Esta imaxe de Marte pertence ao arquivo que estará dispoñible en breve na web da NASA

Esta imaxe de Marte pertence ao arquivo que estará dispoñible en breve na web da NASA

A case corenta anos da súa fundación, a axencia espacial estadounidense NASA anunciou que por primeira vez na súa historia permitirá que a xente acceda a través de Internet, e de xeito gratuíto, á súa colección de fotografías e películas sobre a exploración e as investigacións espaciais.

Con ese obxectivo, a axencia espacial estadounidense creou coa empresa Internet Archive de San Francisco, unha sociedade que porá a disposición de todo o mundo unha ferramenta de utilidade para historiadores, estudantes e investigadores, segundo describiu a NASA nun comunicado.

Na actualidade, a NASA conta con máis de 20 coleccións de imaxes dispoñibles online, pero a sociedade con esta empresa de San Francisco permitirá que estas series de imaxes se poidan baixar mediante un arquivo único. "Este é un servizo de tremendo valor xa que facilitará o acceso a importantes imaxes da exploración científica e espacial", explicou Robert Hopkins, director de comunicados da NASA en Washington.

Brewster Khale, bibliotecario dixital e fundador de Internet Archive, sinalou que o acordo cumpre co propósito da súa empresa de pór "todo o coñecemento humano no reino dixital e a disposición de todos".

"O valor educativo das imaxes que a NASA coleccionou e seleccionado durante o curso das súas cinco décadas de descubrimentos científicos espaciais non ten precedente", agregou Khale. En virtude do acordo, que durará cinco anos, Internet Archive" dixitalizará, recibirá e controlará as imaxes producidas pola NASA.

Ademais, a compañía traballará coa NASA para crear un sistema mediante o cal será posible catalogar e arquivar automaticamente todas as imaxes.

Ese arquivo tamén incluirá arquivos de audio, documentos impresos e presentacións informáticas, segundo o comunicado distribuído onte pola axencia espacial estadounidense.

Internet Archive está localizado no parque Presidio da cidade de San Francisco, en California, e é unha organización sen fins de lucro que garda copias de practicamente todo o contido que existe en Internet.

Este sitio permite facer "capturas" de pantallas e tamén mantén coleccións de audios e vídeos.



5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: