Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Critican o negativo impacto "ambiental" e "económico"

Un milleiro de alegacións e dez mil sinaturas contra o Plan Acuícola

Desde a Consellaría de Pesca retrucan que conseguiron reducir ao mínimo, un 1,8%, a superficie ocupada en Rede Natura.

Redacción - 09:30 30/08/2007

Este xoves remata o prazo de alegacións para o Plan Galego de Acuicultura, en exposición pública desde o pasado 30 de xuño. No documento fíxanse todos os emprazamentos posíbeis para os proxectos de cría de peixes. Desde a Consellaría de Pesca salientan que as novas instalacións quedan fóra de espazos de Rede Natura e aseguran que "é exemplo do compromiso deste executivo co coidado do contorno natural". Defenden ademais que outro dos obxectivos foi darlle "seguridade xurídica aos empresarios de cara aos investimentos proxectados" e recordan que o propio sector quedara moi descontento co Plan deseñado polo goberno anterior.

Desde a Xunta afirman ademais que mentres o Plan anterior proxectaba o 27% da superficie dos parques dentro de Rede Natura, agora esa porcentaxe queda en só un 1,8%, espazo que ademais se correspondería "coas ampliacións de empresas xa existentes e localizadas en Rede Natura". "Demóstrase que se pode desenvolver a acuicultura respectando o contorno natural e paisaxístico", aseguran.

Adega, Verdegaia e os veciños denuncian o proxecto
A optimista avaliación do Goberno non é compartida polos ecoloxistas. Entre colectivos como Adega e Verdegaia e diversas plataformas veciñais, Corrubedo, Quilmas e outras, presentaron até un milleiro de alegacións e máis de dez mil sinaturas contra este novo plan acuícola, que consideran gravoso tanto desde o punto de vista ambiental como social e económico.

Ao respecto, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Fins Eirexas consideraba este mércores que o devandito plan é apenas "unha adaptación" do aprobado no seu momento polo PPdeG no seu último Consello da Xunta. Lembrou por exemplo que se mantén a "irregular" declaración de incidencia supramunicipal. "É un auténtico desatino", queixouse Eirexas na conferencia de prensa organizada á beira das plataformas pola Defensa do Patrimonio de Quilmas, Corrubedo e Seráns. Critican ademais que o presunto desenvolvemento social e económico que promoverían estas factorías "non é real" de acordo coas cifras de emprego xeradas até o de agora "con equipos inferiores a 50 traballadores, e máis dun terzo con menos de 10 empregados".

Outra estratexia posíbel: Modernizar e mellorar a calidade
Desde Verdegaia achegáronlle unha comunicación á Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellaría de Pesca onde lle expoñen a oposición ao documento polos "graves impactos ambientais" e porque "aposta por unha xeito de entender a acuicultura afastada do que debera ser unha xestión sustentábel do litoral e dos seus recursos mariños". Verdegaia propón que non se fagan novas instalacións, "permitindo exclusivamente a modernización das actuais" para as que propón unha estratexia baseada en mellorar a calidade dos produtos, "o tratamento eficaz dos efluentes e a integración das instalacións no contorno natural". Ademais, solicitan o traslado daquelas piscifactorías que lle afecten aos espazos naturais protexidos ou susceptíbeis de protección.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: