Unha aplicación en Flash crea fotomontaxes a partir de palabras.
O deseñador gráfico neozelandés Grant Robinson é o autor de Montage-a-Google, unha aplicación en Flash que constrúe mosaicos de fotografías a partir de procuras en Google Imaxes. A utilidade garante, como mínimo, un bo anaco de entretemento polas curiosas fotomontaxes que se poden obter.
Como resultado do éxito da súa proposta, Robinson creou un xogo, Guess-the-Google, que consiste precisamente no contrario: adiviñar que palabra se corresponde co mosaico de imaxes. A puntuación final dependerá do tempo que se tarde en acertar.
E, á súa vez, os internautas xa lles están a dar máis usos ás montaxes. Así, hai quen imprimiu pósters para poñer na parede do seu cuarto e existe unha etiqueta do Flickr dedicada especificamente á xente que recompila mosaicos.