Unha obra publicada esta semana asegura que o lendario mago viviu no século VII na cidade escocesa coa súa muller, Gwendolin, e non en Mondoñedo como 'afirmaba' Cunqueiro.
Cuberta da obra 'Merlín e familia', editada por Galaxia
Finding Merlin: The Truth Behind The Legend (Descubrindo a Merlín: a verdade detrás da lenda), obra do avogado e historiador afeccionado Adam Ardrey defende a orixe escocesa, concretamente de Glasgow, do mítico mago Merlín.
O libro, publicado esta semana, é froito de seis anos de investigación. Nel se asegura que Merlín era un político e intelectual da vila e non un mago. Segundo Ardrey, este naceu en Hamilton (a 20 quilómetros de Glasgow) no ano 540, residiu en Partick (barrio de Glasgow) na actual Ardery Street xunto coa súa muller, Gwendolin, dende o ano 600 ao 618, ano no que foi asasinado cando viaxaba cara a Dunipace (ao sur de Stirling), onde está enterrado.
Adam Ardrey afirma que este descubrimento foi unha coincidencia, que se produciu namentres investigaba a orixe do seu apelido na Biblioteca Nacional de Escocia: "Atopei que o meu nome, Ardrey, tiña conexión coa primeira referencia de Merlín, a Batalla de Arddreyd". "Posteriormente, descubrín que nos derradeiros vinte anos da súa vida vivira nun lugar que aínda hoxe lle chaman Ardery Street", engade.
"Nos filmes, Merlín sae retratado como un rei de Inglaterra, algo totalmente incerto, xa que logrou a súa fama por combater os ingleses", afirma Ardrey, quen coida que a historia real foi censurada polos escritores cristiáns.