O autor vigués e o ilustrador catalán Sergi San Julián amosan nunha novela gráfica as consecuencias dunha marea negra.
Carlos Portela é o autor do guión d'A conta atrás, unha novela gráfica inspirada no desastre do Prestige e que conta con ilustracións de Sergi San Julián. A obra, que Faktoría K editará en versións galega e castelá, presentouse oficialmente na última edición do Salón do Cómic da Coruña, Viñetas dende o Atlántico. Portela, implicado arestora en numerosos proxectos editoriais e audiovisuais, fixo un alto para falar con Vieiros da novela gráfica.
Vieiros: Cando se vai publicar 'A conta atrás'?
Carlos Portela: A novela consta de dúas partes. A primeira publicarase coincidindo co quinto aniversario do afundimento do Prestige, a mediados de novembro.
V: E como naceu a idea de facer unha novela gráfica sobre a catástrofe?
C. P.: A idea xa vén de lonxe. Ofrecéronme a posibilidade de participar na longametraxe de Burla Negra sobre o Prestige, Hai que botalos. Chamáronme e dixen que si. Pensei no guión da historia, e deime de conta de que era moito máis amplo ca para unha curta. O proxecto demorouse e converteuse nunha historia de seu que me levou dous anos completar.
V: Segue centrada en Galiza ou a idea evolucionou?
C. P.: A historia pensamos en situala nun lugar que non fose Galiza, porque trata un problema xeral. Houbo accidentes similares noutros países, como en Francia. É un problema de todo o mundo. A novela pódese identificar doadamente con Galiza, porque os detalles están baseados no que pasou aquí. É como o que fixera Manuel Rivas c'O lapis do carpinteiro: unha obra de ficción a partir dunha historia real. Os acontecementos son máis ou menos os mesmos.
V: Pretende ser unha crítica á actitude dos políticos e dos medios de comunicación naquela crise?
C. P.: Máis ca crítica, pensamos amosar como reacciona a xente ante reaccións extremas. Non todo é branco e negro. Hai unha gama de grises.
V: As ilustracións son de Sergi San Julián. Xa traballara con el anteriormente?
C. P.: Xa traballara con Sergi a mediados dos anos 90. Fixéramos unha serie longa, Gorka, para Planeta de Agostini, dunhas 130 páxinas. Entre mentres, seguimos tendo relación, el coñeceu Galiza. Traballou para o mercado alemán e francés, eu tamén traballei para Francia. San Julián tamén foi caricaturista político e por iso o Prestige foi un tema que non lle resultou alleo.
V: Para cando a segunda parte?
C. P.: A segunda parte xa está rematada. Agora falta completar a parte da ilustración, porque 160 son moitas páxinas. É moito traballo. Hai que empregar documentación real, aínda que ao final non se reproduzan os nomes. Hai que reconstruír a historia, e iso leva tempo.