O frouxo avance da alta velocidade na internet galega inclúe as dependencias oficiais da maioría de concellos.
"A falta ou obsolescencia de equipos é un freo á implantación de cambios na e-administración municipal". A afirmación fana desde a propia Consellaría de Presidencia, ao fío dos datos do informe A administración electrónica nos concellos galegos 2007, estudo realizado polo Observatorio da Calidade e da Administración Electrónica de Galicia.
Desta avaliación destaca un dato significativo sobre o grao de conexión nos municipios. Se ben o 100% dos concellos contan con conexión á rede, só un 20% dispón de acceso a través de banda larga. Ademais, só o 56% dos concellos ten web oficial. Destas, un 37% permite algún tipo de interacción ou descarga de formularios. Apenas o 3% teñen a opción para o usuario de cubrir os formularios directamente en internet. A mesma análise considera que os contidos son habitualmente moi básicos "eminentemente de interese turística e escasamente de prestación de servizos aos cidadáns".
Fronte a esta situación, Presidencia anuncia o deseño dun plan con cinco eixos de actuación: un programa de difusión, seguimento e avaliación; un de mellora de infraestruturas; outro de mellora de aplicacións; un programa de introdución e xestión de cambio nos concellos e un máis de soporte aos municipios.