Ferrol estrea a posibilidade de alugar bicicletas. Ourense tamén deseñou o seu servizo. Ao tempo, Vigo aproveita a próxima saída da Vuelta para promocionalas.
"Ferrol en bici" é a idea do goberno local para o despregue da que aseguran que é a primeira iniciativa de servizo público de alugueiro de bicicletas en Galiza. "Queremos adoptar de xeito estábel un xeito de desprazármonos saudábel e non contaminante", explicaba este venres a concelleira de Medio Ambiente, María López.
A iniciativa, aberta a veciños e turistas, comeza cunha primeira estación de aluguer a pé do pavillón polideportivo de Esteiro, á beira do campus universitario. Con todo, a finais do mes de setembro xa está previsto crear outros dous puntos: un en Caranza e outro á beira do peirao. En fase de probas funcionará con só dez bicicletas e en función do éxito ampliaríase a oferta. Cada usuario poderá usar a bici durante un máximo de dúas horas, momento a partir do cal debe facer outra solicitude.
A iniciativa xorde do acordo de colaboración do Concello de Ferrol xunto co Instituto Enerxético de Galicia, INEGA, dentro do Plan de Acción da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética 2005-2007.
Ourense tamén deseña o seu servizo de aluguer de bicis
Coa mesma arela da promoción do desenvolvemento sustentábel a través do estímulo doutra forma de desprazamento pola cidade, o Concello de Ourense aprobou a finais do pasado mes de xullo a creación dun servizo público de alugueiro de bicicletas. Serán inicialmente sesenta bicis, distribuídas en seis puntos da cidade.
O sistema funciona a través dunha tarxeta persoal que os veciños poden recoller no Consello e que lles permite abrir calquera dos cepos onde están aparcadas as bicicletas. A media ducia de lugares onde poderán collerse e deixarse as bicis estarán no barrio d'A Ponte, no xardín do Posío, no campus, na Alameda, en Mariñamanse e no pavillón dos Remedios.
Volta a Vigo en sete días
A cidade olívica, onde ao igual que en Lugo tamén existe no caixón un proxecto para alugar bicis, aproveitará esta próxima semana o empuxe que arredor da bicicleta implicará a chegada da caravana da Vuelta.
Por este motivo, o Concello de Vigo creou a chamada "Volta a Vigo en sete días", que enter os días 20 e 28 de agosto convidará os vigueses a percorrer a cidade en bici. Proxectáronse seis percorridos que sairán todos os días ás 11h desde a Praza de América, agás o día 28, onde a saída será na Praza de Compostela. Con traxectos de entre 15 e 30 quilómetros, os ciclistas poderán pedalear en compañía de monitores por diferentes zonas da urbe.
Así por exemplo, a excursión do día 22 vaise centrar na zona do porto, cun percorrido que pasará polas dársenas deportivas de Teis, o peirao de Guixar e a zona de estaleiros ata O Berbés, Bouzas e o porto de Canido. Un día despois, os ciclistas poderán ir até os parques d'Os Pozos, Alba, Beade, A Madroa e Trasmañó.