Tal sería o primeiro e imprescindíbel chanzo para que nacionalistas e populares puidesen falar de acordos a nivel municipal, segundo explicou o voceiro nacional do BNG.
A pasada fin de semana, o presidente do PPdeG desafiara ao Bloque a dialogar cos populares cara á futuros pactos de goberno. "CiU, PNV e Coalición Canaria téñeno asumido desde hai moito, e pactan con quen gaña as eleccións, e aquí unha parte do BNG estaría disposta a aceptar ese suposto", reflexionaba Alberte Núñez Feijoo en resposta ás preguntas de Europa Press. "Aínda están intentando saber que queren ser de maiores", opinaba ao respecto do Bloque, indicando que a medio prazo en Galiza "a política de alianzas vai depender moito da madureza dos partidos".
A resposta dos nacionalistas chegou este luns por boca do propio voceiro nacional do BNG. Anxo Quintana dixo estar sorprendido polo presunto interese dos populares en falar co Bloque. "O que habería que preguntarlle agora ao presidente dos populares galegos é se xa ten permiso de Madrid para falar co BNG", indicoulle, "está claro que até o de agora non foi así". "Eu francamente creo que a madurez se demostra dando pasos políticos claros e precisos, non facendo declaracións para a galería", afirmou Quintana en referencia aos comentarios de Núñez Feijoo.
O líder dos nacionalistas galegos apuntou como chanzo imprescindíbel para entrar nun escenario onde o diálogo fose factíbel a necesidade de que o PPdeG se comprometa a que "Galiza teña un estatuto de primeira, un estatuto de nación, ao mesmo nivel que Cataluña". "Se se comprometen a non dotar a Galiza dun estatuto por debaixo do catalán, dende logo dariamos un gran paso para o diálogo que sempre é necesario entre todas as forzas políticas”, asegurou Quintana.