Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SONIC YOUTH E NEW YORK DOLLS A 25 MINUTOS DE TUI

O Festival de Paredes comeza con dúas bandas galegas en cartel

Os vigueses The Blows e os coruñeses 6PM, no vídeo, teñen unha oportunidade única no maior festival do noroeste peninsular

M.V. - 11:29 13/08/2007

Paredes de Coura, o maior festival de música deste verán no noroeste peninsular, comeza hoxe con dúas bandas galegas na programación. Os vigueses The Blows e os coruñeses 6PM comparten cartel con algunhas das vacas máis sagradas do rock independente internacional, os americanos Sonic Youth ou Dinosaur Jr.

A organización agarda recibir unhas 20.000 persoas por xornada, unha boa parte procedente de Galiza. E é que a praia fluvial de Paredes pódese chegar en 25 minutos conducindo dende Tui. The Blows, con dous Eps na rúa, practican un rock infeccioso e ás veces un chisco macarra.  A partir das 17:30 de hoxe terán media hora para dar o mellor de si no seu primeiro macrofestival.

Estes vigueses teñen en común con 6PM o uso do inglés, pero pouco máis. Á electrónica lánguida do dueto coruñés poderase escoitar mañá, tamén as 17:30 no pequeno escenario 'Ibero Sounds'. Paredes é unha boa oportunidade para 6PM para ampliar o seu público tras as boas críticas gañadas no festival barcelonés Primavera Sound.

Vellas glorias do indie rock

Os principais atractivos deste ano para o gran público son Sonic Youth -que veñen recuperando en directo o seu clásico de 1988 'Daydream Nation'- e os reactivados Dinosaur Jr, que guiados pola guitarra de J. Mascis defenderán o seu último disco 'Beyond', ben recibido pola crítica.

Nunha situación oposta chegan os míticos New York Dolls, banda seminal do punk americano que regresou este ano cun decepcionante 'One Day It Will Please Us To Remember Even This'.

O prezo da entrada son 70 euros para os tres días e 40 euros por unha xornada, entradas que se poden comprar na billeteira da praia fluvial do Tabuão.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: