O 13 de agosto de 1882 estreábase no Liceo Brigantino a obra A Fonte do Xuramento, de Francisco María de la Iglesia, o primeiro texto teatral en galego do que temos noticia da súa estrea. Con tal motivo, proxectouse unha xira que pretende gañar novo público para os espectáculos teatrais do país.
Por esa altura aínda non se sabía da publicación, en 1849 d'A Casamenteira, de Antonio Bieito Fandiño, nin que existía a Contenda dos labradores de Caldelas, de Feixó de Araúxo, o único dramaturgo coñecido do século XVII. Este drama, escrito en plenos Séculos Escuros, foi dado a coñecer por Fermín Bouza Brey no 53, co título Entremés famoso en que se contiene la contienda que tubieron los labradores de la feligresía de Caldelas con los portoqueces sobre la pesca del río Miño. Año de 167...
A fonte do xuramento considérase a obra auroral do teatro galego. De la Iglesia tamén escribiría para o Orfeón Brigantino da Coruña as escenas ¡A Nosa Terra! e Os Ártabros, ambas musicadas por Pascual Veiga. Agora, 125 anos despois, celebramos por todo o alto a diversidade e forza das nosas artes escénicas.
O teatro, tamén en rúas, prazas e praias
Gañar novos públicos chegando a espazos non habituais, meterlle o verme de ir ver teatro á xente achegándolle exemplo de propostas o máis posíbel. Será unha das oportunidades ás que contribúa a xira organizada pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e comisariada por Carlos Biscaínho: 125 anos de teatro galego.
A celebración abrangue seis espazos que recollen a periodoloxía do teatro galego: o primeiro teatro popular, o nacemento da dramaturxia galega, os intentos de modernizalo e auxe da man de figuras como Castelao ou Blanco Amor, a actividade teatral durante a ditadura, silenciada e escurecida, o rexurdir nos anos 60 e 70 e finalmente a consolidación das últimas décadas.
Recorrerá o país entre o 17 de xullo e o 23 de decembro de 2007, a través de distintos centros culturais, teatros ou salas de exposicións de 11 concellos, nalgúns casos coincidindo con festivais ou eventos importantes de artes escénicas que se desenvolverán nesas localidades. O periplo xa comezou na Mostra de Teatro de Ribadavia e proseguirá pola Coruña, Cee, Carballiño, Pontevedra, O Barco, Carballo, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo, para rematar en Narón.