O CXG comprométese a seguir traballando pola participación desta "en procesos de transformación política, económica e social".
Este domingo celébrase o Día Internacional da Xuventude. O Consello da Xuventude de Galiza (CXG), aproveitando a efeméride, quixo facer un chamamento "aos poderes públicos e ao conxunto da sociedade" para que presten "unha especial atención ás problemáticas da mocidade".
"O CXG solicita que desaparezan as dificultades para unha emancipación real, motivadas pola precariedade laboral nos mozos, longas xornadas laborais, etc. Unha situación esta que se agudiza en maior medida se falamos de mulleres novas, colectivos de mozos inmigrantes, persoas con discapacidade e xuventude rural", afirman nun comunicado.
Avanzar nunha sociedade participativa
Ademais, adican un recoñecemento especial neste día ao movemento asociativo estudantil e xuvenil: "Desde o CXG cremos necesario avanzar nunha sociedade participativa, na que os movementos cidadáns coparticipen e codecidan na construción da vida académica, social e política".
Pola súa parte, dende o CXG afirman que se comprometen a seguir traballando pola participación da xuventude "en procesos de transformación política, económica e social, para conseguir unha maior equidade nas relacións entre os diferentes pobos, máis democracia e solidariedade", e como interlocutores da mocidade coas distintas administracións para facilitar a súa emancipación, "a máis tardía da UE".