Cos Mecos e o Cabo da Cruz fóra tocáballe aos de Perillo, quinto equipo da Liga galega, competir cubrindo a cota da federación galega, mais a española non os aceptou.
Segundo o regulamento desta competición, han de participar nela o 3º e o 4º equipos clasificados da Liga Galega, cubrindo a cota que se lle outorga á Federación Galega de Remo, mais, ao renunciaren as dúas tripulacións -Mecos e Cabo da Cruz- tocáballes aos de Oleiros competir ao máis alto nivel, esta fin de semana en Cantabria.
A segunda feira a Federación Galega comunicáballo a Xavier Rodríguez, presidente do Perillo, que esa mesma tarde preinscribía o seu clube no campionato estatal. Mais naquela altura a Federación Española de Remo xa se puxera en contacto cos remeiros do Ondarribia, e xa lles tiña asignado a praza que, por norma, sería para os de Perillo. Deste xeito, a federación estatal deulle prioridade a unha das mellores embarcacións vascas sobre unha das galegas, que aínda que non compite no mesmo nivel, tiña, por norma, todo o dereito a ocupar a súa praza.
Vai a 3ª mellor embarcación vasca, no canto da 5ª galega
Dende o Perillo van seguir en contacto coa Federación Española e, á que presentaron xa as súas reclamación. Se non se rectifica o acontecido, van levar o asunto por vías xudiciais.
"A federación galega lavou as mans"
Segundo Xavier Rodríguez, a federación galega cumpriu cos seus cometidos, ao informar o seu clube de que podían optar a esa praza no campionato, mais non fixo moito máis: "non fixo toda a forza que debería facer. Convidounos a ir porque lle correspondía, mais ao entrar en conflito coa federación española, deixou de insistir".
Dende o BNG de Oleiros ven isto máis como unha deixadez por parte da Federación Galega, que ademais, está dirixida, por José Manuel Seijas quen, a pesar de estar inhabilitado "segue a controlar todo o que acontece na entidade", díxolle a Vieiros o primeiro do partido nacionalista en Oleiros, Antón Tenreiro.
Para Tenreiro a galega é unha "federación inoperante, movida por unha persoa inhabilitada que non defende os intereses dos equipos e clubes galegos e o seu dereito a participar nos campionatos estatais".
Segundo o partido oleirense, "o remo en Galiza subsiste a pesar da Federación, cunha liga galega organizada pola Asociación de Clubes de Remo, que programan diversas competicións tanto de elite como base", dándolle as costas a "un ente federativo ancorado nun sistema de funcionamento predemocrático que pon máis interese en manterse no poder que en defender o deporte máis representativo da tradición en Galiza".
Para Tenreiro este feito non é só un agravio para o Perillo, senón tamén para todos os clubes de remo de Galiza, que se ven prexudicados pola falta de honestidade e pouco cumprimento das propias obrigas da federación. O BNG oleirense pensa poñer en coñecemento da Dirección Xeral para o Deporte estes feitos, para que non volvan acontecer dentro do remo en Galiza.