Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Carlos Sante, actor

"Con 'Entorrados' fixemos un traballo actoral completo, algo innovador en Galiza"

Actor, presidente da AC Manicómicos e director do festival, socio fundador da Federación de Asociacións de Novo Circo e co-director da escola-teatro San&San da Coruña.

Redacción - 09:45 12/08/2007
Carlos Sante

Carlos Sante

Vieiros falou con Carlos Sante, un dos integrantes da compañía coruñesa de Teatro San&San que cada venres colabora no programa máis vello que aínda sobrevive na Galega, o Luar. Co seu espazo cómico conseguiron ter un oco de seu no programa máis visto no país, mais, para alén disto, a súa compañía leva algúns anos facendo outras moitas cousas: teñen unha escola de teatro, experimentan co audiovisual e presentaron aínda hai pouco un proxecto conxunto co realizador Germán Tejada que vén a ser a súa primeira curtametraxe.

Carlos Sante cóntanos en que andan metidos.

Como definirías o teatro da compañía San&San?
San&San somos tres: Pablo Sánchez, Joaquín Domínguez e eu. A compañía fundouse no 2000 na Coruña e un ano depois abrimos a nosa propia escola de interpretación. O teatro que facemos é o mesmo que ensinamos na escola: teatro cómico, xestual... non teatro de texto. Andamos sempre a experimentar co xogo físico e dramático, estudamos a presenza escénica, facemos aos nosos alumnos traballar coa improvisación, o clown e a creación de personaxes. Damos os principios fundamentais do teatro físico (actuación física e movemento, máscara neutra, loita escénica, Commedia dell'arte) e preparamos os actores fisicamente, tamén para interpretar ante as cámaras.

Que é no que agora andan, non é? experimentando ante as cámaras?

É certo, acabamos de presentar Historias dunha torre, un traballo conxunto formado por catro curtametraxes distintas, de distintos autores, cuxo principal protagonista é o símbolo coruñés por excelencia: a Torre de Hércules.

E como xurdiu a idea de crear este proxecto? De dar o salto ao audiovisual?
Xa tiñamos feito cousas en vídeo ante e xa traballáramos antes ante a cámara. Colaboramos no programa Luar, cun sketch semanal, e antes creamos distintos espectáculos relacionados co audiovisual, como un documental teatral, no que parodiábamos os documentais do National Geographic. Sempre pensamos en facer algo en soporte audiovisual, xogar coa fantasía ante a cámara, con ideas orixinais, creacións propias, improvisar... Acho que é o que nos destaca e nos diferencia. E vemos que mesturar teatro e vídeo funciona, é unha boa mestura.

A idea do proxecto xurdiu durante un dos cursos que ofrecemos de interpretación ante a cámara, que impartía o realizador Germán Tejada. O curso fíxose hai dous anos e ante o elevado número de alumnos, pensamos en facer algo que quedase para a historia, e comezamos a traballar no proxecto de gravación de cinco curtas, nas que mostrar o que aprenderan os rapaces e rapazas. Finalmente quedaron en catro; as catro curtametraxes que compoñen Historias dunha torre.

Como foi a rodaxe?

Germán Tejada coñecía a un bo número de profesionais, e contactou con dous directores: Héctor Diéguez e Javier Cea, que fan dúas das curtas. Outro fixémolo San&San e Germán Tejada xuntos, e o cuarto é de Germán Tejada.

As catro curtas xiran arredor da Torre de Hércules, pero cada unha é moi distinta da anterior. Pódese dicir que a protagonista é a torre, pois así o pensamos nun comezo na escola. Na imaxe das catro curtas hai catro Torres de Hércules, e cada unha leva un pequeno detalle que advirte de que vai a curta.

A primeira delas, A Torre sábeo, de Germán Tejada, é un thriller moi persoal onde un grupo de estudantes está a celebrar o ascenso dun deles, pero de súpeto algo acontece que os fai mudar por completo.

A historia de Javier Cea, Polo amor de Deus é máis surrealista e persoal, e recolle todos os aspectos dunha historia de amor completa, contada por distintas parellas interpretadas por distintos actores. Con cada unha das diferentes historias confórmase a historia de amor en si, con cada unha das súas partes: a primeira paixón, o cansazo mutuo...

A curta de Héctor Diéguez, O peso do fume, é a historia dunha parella, onde un dos dous está deixando de fumar. Na relación sucédense partes surrealistas e cómicas, até o final.

A que fixemos nós, coa axuda de Germán Tejada, Entorrados, é unha historia con trinta personaxes distintos, dende un can ou un gato ata unha anciá ou un neno. Todos foron interpretados por Pablo Sánchez e por min, nun traballo actoral a todos os niveis, o que supuxo moito tempo de caracterización, vestiario, maquillaxe... e despois de montaxe. Creo que se trata dun traballo innovador en Galicia, que non ten feito nada parecido aquí até o de agora. É un filme estilo cómic, como unha película de animación, con actores en vez de bonecos. A historia tamén ten a Torre de Hércules como alicerce, e alí créase un mundo paralelo, á luz da torre, onde van desfilando todos os personaxes.

E como vai a promoción das curtas?
Cada quen está a promocionar a súa propia curta individualmente, e enviándoa a varios festivais. Cada un fai o que quere co seu traballo. Presentámolo conxuntamente, pero a partir de agora nós andamos a promocionalo polo noso lado.

Pódese dicir que foi. en xeral, unha experiencia positiva? Que sae ben se o teatro e mailo cinema van da man?
A verdade é que foi moi positivo, e estamos pensando en repetir. Na rodaxe tampouco tivemos grandes problemas técnicos; todo o equipo era profesional, excepto os actores, que eran alumnos da escola. A curta saíu ben, aínda que pasamos algúns traballos -diluviounos cando estabamos preto da Torre rodando, e tivemos que pedir un plató emprestado-, mais en xeral, estamos moi satisfeitos do resultado, que á vista está.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Deseño da capa do DVD de 'Historias dunha torre'
Deseño da capa do DVD de 'Historias dunha torre'
Unha outra fotografía de Carlos Sante, co cabelo longo
Unha outra fotografía de Carlos Sante, co cabelo longo
Logo da Asociación Cultural Manicómicos, que preside Sante
Logo da Asociación Cultural Manicómicos, que preside Sante
Cartaz da edición de verán do festival Manicómicos, que se está a celebrar na Coruña. Deseñado por david Rubín
Cartaz da edición de verán do festival Manicómicos, que se está a celebrar na Coruña. Deseñado por david Rubín