Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A APDR esixe o peche inmediato da planta

"Que razóns pode aducir o Goberno para non actuar contra Ence?"

Así o preguntan desde a Asociación pola Defensa da Ría, colectivo que considera que o Goberno non está respondendo ao compromiso adquirido para o traslado do complexo industrial Ence-Elnosa.

Redacción - 14:00 10/08/2007

"É ineptitude ou é connivencia?". Tal é o razoamento que fan desde a Asociación pola Defensa da Ría, APDR, ao fío da actualidade sobre as factorías de Lourizán. Pregúntanse os veciños "que razóns hai para incumprir o acordo programático de sacar o complexo Ence-Elnosa da súa actual localización?". Lembran ademais que hai máis de vinte meses que o colectivo lle pediu a primeira entrevista ao conselleiro de Medio Ambiente e de momento non hai cita para esa xuntanza.

"Están poñendo en perigo o necesario proceso de saneamento e recuperación da ría de Pontevedra", quéixanse desde a APDR, advertindo de que a Xunta non está tratando "co rigor necesario" o traslado das fábricas. "Cada día son máis as evidencias que fan pensar que o actual Goberno non está disposto a actuar decididamente, para adiantar a data de saída do complexo da nosa ría", láianse.

A asociación repróchalle á Xunta a serie de declaracións "para xustificaren a súa suposta preocupación polo tema", ao tempo que na opinión do colectivo o executivo trataría de evitar o traslado antes de 2018. "Fan pensar en que o goberno galego está disposto a dilatar indefinidamente esta transcendente decisión", advirten. Por iso, pregúntanse se "esta actitude da Xunta de Galicia resposta á súa propia ineptitude ou se polo contrario se trata dun caso de aberta complicidade coa empresa pasteira". "En calquera dos casos a inoperatividade do Goberno resulta máis que evidente", denuncian.

No Canal Verde poden ler o comunicado completo da asociación: A APDR denuncia a absoluta inoperatividade da xunta no tema Ence


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: