Os italianos interpretan unha versión do tema que popularizaron nos anos setenta o dúo de cantautores vascos Etxamendi e Larralde, titulado Yup lala! (E voou!). A UFGC uniuse á AVT na súa intención de acudir á Xustiza de ter lugar o concerto do sábado en Ferrol.
A Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT) anunciou a súa intención de presentar unha querela contra o grupo de música Banda Bassotti por "enaltecemento" do terrorismo, así como estendela ao Concello de Ferrol se os artistas italianos "actúan coas súas cancións proetarras" durante o concerto previsto para este sábado con motivo das festas na cidade.
A polémica xurdiu debido a letra dunha das cancións que a banda inclúe no seu álbum de 2003, Así es mi vida. O tema, titulado Yup lala! (E voou!), foi composto tras a morte en 1973 do daquelas presidente do goberno español, o almirante Luis Carrero Blanco, a mans da ETA. Na canción gábase a acción do grupo armado.
Yup lala! foi publicada en 1975 pola discográfica Herri Gogoa dentro do disco Hitz urri batzuk (Unhas poucas verbas) do dúo de cantautores euscaldúns Etxamendi e Larralde, segundo informou a Vieiros un representante de Elkar, actual editora das súas composicións musicais.
Irisarri, persoa non grata
Por outra banda a Unión Federal de Gardas Civís (UFGC) anunciou esta quinta feira que decretará ao alcalde de Ferrol, o socialista Vicente Irisarri, persoa non grata e, ao igual que a AVT, emprenderá accións xudiciais contra el e contra Banda Bassotti de ter lugar o concerto.