Xosé Manuel Lage, deputado do PSdeG, pide aumentar as medidas de "protección" e facer máis esforzo na "promoción" do patrimonio arqueolóxico.
Dolmen de Axeitos
A preocupación xorde ao fío da pintada atopada hai pouco no Dolmen de Axeitos, no concello de Ribeira. Segundo o parlamentario socialista Xosé Manuel Lage Tuñas, este suceso pon de manifesto "a pouca vixilancia existente no que respecta ao patrimonio megalítico".
Neste sentido, Lage rexistrou unha iniciativa parlamentaria onde se interesa en particular pola situación deste dolmen e de paso subliña a necesaria "posta en valor do noso patrimonio arqueolóxico". Para iso, solicita "medidas de protección, pero tamén un axeitado traballo de promoción".
No dolmen de Axeitos permaneceu durante semanas e sen que ninguén se preocupase de borrala unha pintada en cor amarela onde podía lerse "Ola tontos".
"Estamos a falar dun dos vestixios máis visitados na comarca do Barbanza", quéixase o deputado do PSdeG ao respecto, "e por iso consideramos necesario coñecer as medidas ou accións que implementa a Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Patrimonio para facer fronte a este tipo de sucesos".