En entrevista para o diario El Progreso, Francisco Cacharro acusara de mentireiro a Xaquín García Díez. Este respóndelle con reproches á súa actitude.
Así resumiu o actual voceiro do PPdeG no Concello de Lugo, e candidato durante as últimas eleccións municipais, no seu balance sobre a figura de Cacharro Pardo. Outros persoeiros do PPdeG lugués se referiran criticamente nos últimos tempos ao ex presidente da deputación luguesa, a quen lle atribúen non pouca responsabilidade na perda de amplas cotas de poder na provincia.
Cacharro dispara desde El Progreso contra Barreiro e a dirección galega
"É unha solemne mentira", respondía Francisco Cacharro nas páxinas de El Progreso á pregunta do xornalista Ángel Vaqueiro, quen o interrogaba sobre a súa presunta intervención para evitar que Xaquín García Díez fose o candidato do PPdeG á alcaldía luguesa en 1999. "Dinlle a opción de repetir, e dinlla diante de testemuñas", asegura Cacharro, "o demais foi unha lenda que el se montou, de que eu lle impedía repetir como candidato. Iso non é verdade, e el saberá por que se quixo facer a vítima".
Na mesma entrevista, Cacharro renuncia a ser considerado o "padriño" de Xosé Manuel Barreiro en política, reprochándolle que "dimitiu desde o primeiro día como presidente provincial para ser un boneco dirixido por control remoto desde Santiago e desde Madrid". "Díxoo o señor Fraga o ano pasado, que eu era un desobediente. Claro, si. A miña función non era ser obediente, senón reivindicar o que fose necesario, para o partido e para a provincia", defende Cacharro durante a entrevista.