A "indefinición do proxecto" e o "auténtico desbalde de recursos públicos" quedan á luz no informe do Consello de Contas sobre a xestión en 2004 arredor da Cidade da Cultura polo goberno daquela liderado por Manuel Fraga. Así o expuxo este luns Ismael Rego, voceiro parlamentario do PSdeG.
Segundo Ismael Rego sería necesario que os responsábeis do PPdeG durante o último executivo de Manuel Fraga deran unha explicación. "Circulan aínda na vida política do país sete altos responsábeis daquel goberno", lembrou Rego.
O voceiro dos socialistas no Parlamento referiuse ao acontecido coa Cidade da Cultura antes do cambio de goberno coma "un escándalo de primeira magnitude". Tirando dos números amosados polo informe do Consello de Contas sinalou que o proxecto arrincara coa previsión de gasto de até 108,2 millóns de euros e que finalmente o PPdeG xa chimpara a unha previsión de máis de 380 millóns de euros, incluídas actuacións adxudicadas cando eran goberno en funcións. Entre outros, Rego referiuse tamén á previsión de ingresos por axudas da Unión Europea, que "non só non se conseguiron, senón que tampouco existe constancia de seren solicitadas".
Ao fío do informe, Ismael Rego considerou que as principais recomendacións apuntadas polo Consello de Contas xa foron atendidas polo Goberno actual. Destacou neste sentido a revisión do financiamento, o establecemento de criterios de viabilidade, a apertura do proceso de participación, a xestión para facer da iniciativa "un proxecto de Estado" e a transparencia na asignación de recursos.