Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Aprobouse o decreto no Consello da Xunta

A Xunta terá unha delegación en Bos Aires

Será a primeira oficina dunha rede de representacións administrativas no estranxeiro, feita para institucionalizar, promover e defender Galiza no ámbito internacional.

Redacción - 17:30 26/07/2007

A Xunta quere así estabelecer canles de colaboración e participación democráticas,institucionalizadas, regradas e transparentes. A primeira destas delegacións oficiais da Xunta de Galicia no exterior abrangue como ámbito de acción a República Arxentina e a República Oriental do Uruguai.

Á fronte desta representación institucional haberá unha persoa delegada, nomeada polo Consello da Xunta por iniciativa do Secretario Xeral de Relacións Exteriores, a quen lle corresponderán as funcións de dirección e coordinación das actuacións. A delegación tamén contará cunha secretaría encargada do réxime interno, administración, control contábel e xustificación de gastos e orzamentos, e unha oficina de rexistro, ademais dun grupo de traballo.

O grupo estruturaríase en catro áreas rexidas polo principio de unidade de acción: atención á cidadanía galega, lingua e cultura, relacións económicas e cooperación ao desenvolvemento. Segundo estabelece o decreto de creación das delegacións da Xunta no exterior, aprobado no mes de novembro de 2006, estarán adscritas á Secretaría Xeral de Relacións Exteriores. Será este o departamento
encargado de dotar as delegacións do persoal necesario.

Competencias


As funcións desta delegación serán apoiar todas as actuacións dos departamentos da Xunta na súa área xeográfica de acción, fomentar as relacións de Galiza coas institucións e os órganos de Goberno do lugar, promover a cultura e lingua galegas, fomentar a igualdade entre sexos, prestar apoio administrativo e institucional aos emigrantes galegos (para o que se responsabilizan da coordinación, xestión, difusión e control dos programas dirixidos á emigración), contribuír ás accións de cooperación, colaborar no seguimento e avaliación dos plans, programas e proxectos de cooperación ao desenvolvemento e prestar asistencia técnica, orientación e información sobre Galiza.

O Goberno galego inclúe tamén na súa acción exterior a vontade explícita de que no exercicio das funcións citadas para as delegacións se respecten tanto o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, como o de unidade de acción da Administración autonómica.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: