Coincidindo co Día da Patria, o periódico mensual Novas da Galiza estrea un suplemento de humor de catro páxinas, O Pasquim.
Capa do Novas da Galiza
Esta iniciativa, que conta coa colaboración de Cultura, está coordinada polos debuxantes Suso Sanmartín e Xico Paradelo e o público poderá coñecela de primeira man no posto do Novas da Galiza no Festigal, a partir desta terza feira, ao mediodía.
No primeiro número d'O Pasquim colaboran, alén dos mencionados Sanmartín e Paradelo, os tamén debuxantes e deseñadores Bruno Ruival e Gonzalo Vilas. Os primeiros cuadriños d'O pasquim céntranse na crítica e na sátira política, en parte, por coincidir o seu nacemento co Día da Patria.
"O humor, san e ben entendido, comeza por un mesmo"
Nestas declaracións coinciden creadores e colaboradores do novo suplemento de humor do mensual, e continúan "se non sabes rir de ti mesmo non tes dereito a rir dos outros". A estrea do suplemento está dedicada a "rir de nós mesmos, nacionatas e indepes que somos", asegura Suso Sanmartín no texto de presentación, na capa d'O Pasquim.
O Nome escollido
O Pasquim etimoloxicamente procede do italiano, -de Pasquino-, nome co que o pobo de Roma bautizou unha vella estatua atopada en 1501 dunha das súas rúas, que de seguida foi cuberta con textos satíricos, converténdose no suporte ideal para a súa difusión. O Pasquim tamén é o nome do primeiro e máis influínte xornal de oposición á ditadura militar brasileira (1969 -1991).