Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
DANAN O PATRIMONIO CULTURAL

ADEGA e a Plataforma Ortigueira Sostíbel denuncian irregularidades urbanísticas

    No centro do núcleo de Ortigueira ubícase o Campo da Torre, promontorio emblemático da vila que aporta caracter singular á súa orografía, ocupado polos restos dunha fortaleza medieval que anteriormente foi castro. É zona arqueolóxica catalogada por Patrimonio e incluso tentouse o seu recoñecemento coma Ben de Interese Cultural, catalogación que non lle corresponde pola súa natureza pero que foi aducida para a expropiación da parcela que acolle o castro a favor da Fundación Ortegalia que preside o alcalde.

ADEGA e Plataforma Ortigueira Sostible - 18:47 21/07/2007

 

Nembargantes tanto a administración municipal  coma a devandita fundación están a amosar unha absoluta despreocupación pola conservación do ben patrimonial e o Concello resulta ser agora un axente directo da súa destrución. As primeiras intervencións do municipio no conxunto foron xa obxecto de denuncia en Patrimonio polo uso neglixente de maquinaria pesada a carón da antiga fortificación.

Pero a súa actuación  mais grave é a concesión case hai un ano dunha licenza municipal que permite a edificación de 67 vivendas no contorno inmediato do Campo da Torre. A promoción inmobiliaria da empresa Os Celtas propiedade de dous irmáns do alcalde, supón unha agresión contra bens patrimoniais protexidos pero asemade vulnera a lexislación urbanística municipal porque incumpre o artigo 291 que prohibe edificar nos cen primeiros metros que circundan a zona arqueolóxica e porque non respecta a edificabilidade permitida pola normativa.

Ambas infracións, de carácter moi grave, foron postas en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio, da Dirección Xeral de Urbanísmo e de SE.PRO.NA. sen que até o momento tiveramos resposta satisfactoria de ningunha destas institucións. A Asociación Ortigueira Sostible conxuntamente con ADEGA, manifestan a súa preocupación polo grave e irreversible deterioro que pode supoñer, se non se detén, esta intervención urbanistica tanto para o conxunto arqueolóxico coma  para os elementos paisaxísticos que asímesmo  protexe a lei.

Por estes motivos esixen a inmediata paralización das obras e a revisión da licenza por parte das administracións autonómicas competentes para que se restitúa a legalidade urbanística e se deteña definitivamente este proceso destructivo que está a amparar o Concello de Ortigueira.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: