O xuíz opina que o documento debe considerar a posibilidade de que "algunhas instalacións sexan legalizábeis".
En principio a empresa evitaría así o seu peche inmediato xa que podería continuar o proceso de solicitude de autorización ambiental. Para continuar coa súa actividade Elnosa precisa dun informe favorábel do Concello de Pontevedra, de xeito que poida obter a Autorización Ambiental Integrada. A negativa do municipio implicaba que a fábrica de cloro debía pechar actividade o vindeiro 30 de outubro.
Agora, o xulgado contencioso administrativo nº1, onde apelara a empresa, indica que existirían eivas no informe municipal no que se baseaba o rexeitamento.
Desde o Concello de Pontevedra non realizaron aínda ningunha avaliación sobre a decisión do tribunal, indicando que aínda non foi recibida oficialmente a sentenza. Por outro lado, un representante do comité de empresa, comentou para a Radio Galega que a decisión "confirma que o informe urbanístico do Concello non se axusta a dereito".