O ciclista galego vai na clasificación xeral individual, igual que o número que leva na camisola, o 11. O domingo, na primeira etapa dos Pireneos, rubiu postos nunha xenial progresión.
O ciclista de Mos vai xa no posto 11 da clasificación xeral dun Tour onde aínda todo está por decidir.
Na crónica diaria que Óscar Pereiro vai colgando na súa web persoal, o domingo á noite precisaba: "No meu caso e polas miñas características, teño que ir a paso lento pero seguro, mais se podo liala, heina liar, e se me meto nunha fuxida e podo gañar unha etapa, pois adiante..." E engadiu: "isto todo son utopías... imos ver qué pasa. É o realmente o fermoso deste Tour: que non hai nada decidido".
Na etapa da segunda feira, a número 15 entre Loudenvielle e Le Louron, pode ser a chave para decidir a clasificación por equipos. Até o de agora, con Contador, Leipheimer e Popovych nos dez primeiros postos da etapa do Plateau de Beille, o equipo Discovery Channel tomou o topo da clasificación por equipos, con 1 min. 58 seg. de vantaxe sobre Astana, o segundo equipo a pelexar polo podio xeral.
Pereiro: "aínda non está nada decidido"
O corredor de Mos está a facer unha boa progresión. Até o de agora "traballou" para o seu compañeiro de equipo, Alejandro Valverde. Na xeral, Michael Rasmussen segue de líder e Pereiro xa é undécimo, e quinto entre os ciclistas do Estado. Vai a 11 minutos e 1 segundo do dinamarqués e os catro ciclistas españois que o superan son Contador (2º), Sastre (6º), Astraloza (8º) e Valverde (9º).
Nas súas palabras, até o de agora "Non estou a me atopar mal. Estou agardando a miña oportunidade. É obvio que hai sete ou oito corredores que van máis rápido ca min", mais aínda nada está decidido.