Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Os deportistas galegos de alto nivel triunfan deportiva e academicamente

Os responsábeis do centro están moi satisfeitos co rendemento dos deportistas tanto a nivel académico coma deportivo.

Redacción - 17:20 20/07/2007
Instalacións médicas do centro

Instalacións médicas do centro

Segundo os responsábeis do CGTD de Pontevedra, os e as deportistas que alí se aloxan acadaron na tempada 2006/07 uns "magníficos resultados", tanto a nivel académico coma deportivo.

O CGTD é unha entidade onde os novos deportistas de elite galegos poden traballar na súa formación integral, e practicar o seu deporte ao máis alto nivel. No centro póñense á disposición dos e das deportistas os medios precisos para que poidan desenvolver a súa preparación conforme a criterios científicos, e facilítaselles ao mesmo tempo a súa integración no sistema educativo e no seu contorno social. O CGTD creouse tamén para apoiar de xeito especial os novos talentos deportivos que no seu contorno socio-económico teñan máis dificultade para desenvolver unha práctica deportiva de calidade e compatíbel coa súa formación académica.

Para acadar os obxectivos anteriores, o CGTD desenvolve nas súas instalacións e coa colaboración das federacións deportivas galegas, os programas de tecnificación deportiva dirixidos fundamentalmente á formación de deportistas con idades comprendidas entre 14 e 18 anos.

Desta forma, os resultados deportivos, aínda que pendentes de competicións estatais e internacionais, foron valorados polo 70% dos responsábeis dos programas de tecnificación deportiva como moi satisfactorios e cualitativamente superiores aos obtidos en cursos anteriores.

Resultados acadados polos/as deportistas do CGTD

42 deportistas campións/as de Galiza.
25 deportistas subcampións/as de Galiza.
13 deportistas acadaron o terceiro posto nos campionatos de Galiza.
34 deportistas campións/as do Estado.
23 deportistas subcampións/as de Estado.
22 deportistas acadaron o terceiro posto nos campionatos Estatais.
12 deportistas participaron coa selección galega en competicións internacionais.
11deportistas participaron coa selección española en competicións internacionais.
27 deportistas están recoñecidos como Deportistas Galegos de Alto Nivel.
7 deportistas están recoñecidos como Deportistas de Alto Nivel no Estado.

Depois da deportiva, a formación académica

Segundo datos facilitado por Deporte, o 87,25 % dos deportistas do CGTD matriculados na ESO e Bacharelato promocionan ao curso seguinte. O 98% deles que cursaron 4º de ESO acadan o título de grao en ESO. O 79 % que cursaron 2º de Bacharelato acadan o título de bacharelato na modalidade Científica, da Saúde ou das Ciencias Sociais. O 70 % deles co título de bacharelato accederán á universidade, preferentemente ás carreiras que ofertan universidades galegas.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: