A nova web ByGalicia pretende fomentar a saída cara ao exterior dos negocios galegos e ao mesmo tempo captar investidores internacionais
O portal de Internet no que as empresas poden crear os seus propios espazos, ByGalicia, persegue a internacionalización das empresas galegas en todas as súas facetas. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, sinalou durante a súa presentación que con esta ferramenta quérese «crear unha marca de país que sexa o noso sinal de identidade».
Na presentación desta iniciativa, desenvolvida pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, o conselleiro de Industria tamén destacou que Galicia presenta "interesantes capacidades tecnolóxicas" e advertiu de que na actual economía global "importa máis o concepto de 'made by' que o de 'made in' ao identificar as potencialidades dun lugar.
O custo do proxecto, cuxo deseño foi realizado pola empresa Igalia, elévase a 189.000 euros e desde San Caetano levará a cabo proximamente unha campaña de promoción no resto de España e no estranxeiro, para dalo a coñecer nos mercados internacionais. Ademais, cada empresa terá a posibilidade de crear dentro de ByGalicia o seu propio portal cos seus datos, actividade ou o xeito de establecer contacto. Este espazo web pretende así aumentar a presenza galega no exterior, «dar a coñecer as empresas galegas» e «captar a investidores estranxeiros», aclarou Blanco.
Algunha das seccións coas que conta ByGalicia son 'Iniciación á internacionalización', orientada coma unha guía que axuda a dar os pasos necesarios para comezar esta andaina empresarial. 'As chaves da internacinalizar' consiste nunha aplicación informática que permite a xestión de currículos e facilita a conexión directa entre profesionais e empresas. Outra das seccións, 'Oportunidades de negocio' dispón de información dos sectores empresariais galegos, con datos de máis de 70.000 empresas e dos seus produtos e servizos.