Pereiro chegou a 3,24 minutos do primeiro, o ciclista colombiano Soler. O corredor galego deixoulle o protagonismo ao seu compañeiro de equipo na etapa raíña do Galibier.
Soler ao gañar a etapa
Aínda que a etapa comezaba co ascenso do Iserán (2.770 metros, o teito do Tour), nada máis erguer a bandeira, comezaron os ataques. Primeiro saltou o español José Luis Arrieta (Ag2r), que foi alcanzado polo ucraíno Yaroslav Popovych (Discovery), que foi só até a cimeira, coroada por el, aos 15 quilómetros, pero a moi pouca distancia dun pelotón que non lle deixaba vía libre. Era o pelotón dos favoritos, a un minuto. Estaban José Iván Gutiérrez, Mikel Astarloza, o ruso Gusev e os franceses Clement e Vaugrenard.
No seguinte ascenso, o do Telégrafo, un porto cheo de curvas de 12 quilometros de lonxitude, sucedéronse máis unha vez os ataques. Ficaba só o Col del Galibier, cos seus 18 Qms de pendente, a 2.645 metros de altitude. Aló estaba Soler para destacar. O corredor colombiano do Barloworld chegou como unha centella á cimeira do monte, fundindo nun chisquiño de nada a todos os rivais.
Por detrás, o compañeiro de equipo de Pereiro, Alejandro Valverde, viña atacando ao grupo dos máis fortes, onde xa non estaban nin Vinokourov -un dos favoritos-, nin Pereiro, que ficara no pelotón ás súas costas. O galego está agora na 14 posición da clasificación xeral.
Así foi como entraron na meta
No grupo de Valverde ían Kloden, Rasmussen e Mayo. Aos poucos uníronselles Popovych e Contador, pero non había xeito de coller o colombiano, que ía só. Ao final entraron na meta deste xeito: Soler (4h.14.24), cunha considerábel media de 37,3 Qms/hora; Valverde (2.35, con 12 segundos de bonificación); o australiano Cadel Evans (Predictor); Contador (Discovery), Iban Mayo (Saunier) e o líder Rasmussen (Rabobank). Pereiro aínda chegaría uns tres minutos despois.
A vindeira etapa
Será a décima, que volve ser chá, despois de tres etapas polos Alpes e a xornada de descanso.