Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
piragüismo

Graña e Ferro comezan coa canoa inundada e quedan subcampións de Europa

Foi unha xornada descrita como "épica" por todos os presentes. Os dous palistas galegos, do Illa de Arousa, demostraron a súa capacidade de loita esta fin de semana en Eslovaquia.

Redacción - 11:51 16/07/2007

O arousán Ramón Ferro e o pontevedrés Óscar Graña quedaron segundos no Campionato Europeo de Maraton en C-2, tras pasarlle por diante á metade dos participantes, dende a última posición, na que ficaran ao se lles inundar a canoa.

Dende a federación española din que o subcampionato acadado polos galegos cobrou unha certa "tinguidura épica", xa que ámbolos dous protagonizaron unha espectacular remontada dende a última praza, tendo en conta que os que ían diante deles eran as dúas parellas húngaras e a portuguesa, medalla de bronce nos últimos mundiais.

Non se semellaba nada a regata do domingo a aquela de 2003, en Polonia, onde Graña e Ferro conseguiron, con moita máis facilidade, o seu primeiro subcampionato europeo.

Os palistas galegos superaron os portugueses na última volta, e, ao límite das súas forzas, fixeron un tempo de 2:14:05,258, a pouco menos dun minuto dos gañadores, os húngaros Attila Göre e Márton Kövér. A terceira praza foi para os portugueses Nuno Barros e José Sousa, que terminaron a 36 segundos dos galegos.

O outro galego na competición, Manuel Antonio Campos, do Clube Breogán Outón Xunqueiriña d'O Grove, ficou sexto no C-1 de categoría Sénior.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: