Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Manifestación "unitaria" para o 25 de xullo

"Galiza ten que saber todo o que a autodeterminación pode facer polo pobo"

A plataforma "Causa Galiza" foi presentada este sábado en Compostela. Trátase dun movemento que alén de adscricións políticas individuais, sumará esforzos e voces no traballo en favor da "autodeterminación do país".

Redacción - 14:30 14/07/2007

"O recoñecemento do dereito de autodeterminación é unha garantía fundamental dun futuro de liberdade e xustiza social, porque sen autodeterminación non pode haber democracia". Así o sostén o manifesto "Causa Galiza", feito público na mañá do sábado 14 en Santiago de Compostela, e lido durante o acto de presentación por Bea Doldán, unha das representantes do colectivo. O documento é o punto de arranque dun ambicioso proxecto que responde aos déficits cos que, segundo os promotores da plataforma, se desenvolveu até o de agora o debate sobre a reforma do Estatuto.

"Unha administración autonómica de minguada capacidade non pode enfrontar esa realidade e resolver os problemas de traballo, ordenación territorial e administrativa, sistema educativo e socio-sanitario, políticas industriais, agrarias e pesqueiras, enerxía, lingua, cultura e deporte, ambiente (...)". Segundo explicou Braulio Amaro, un dos voceiros este sábado da plataforma, un dos obxectivos a medio prazo será por iso o desenvolvemento dunha campaña divulgativa en todo o país, "onde se lle explique á xente que significa a autodeterminación, as súas vantaxes" e o que pode facer pola xente e "como influiría no seu traballo diario".

Xa que logo, e segundo detallou Charo Lópes, outra das voceiras do grupo este sábado, Causa Galiza organízase arredor un modelo asembleario aberto que traballará sobre tres eixos fundamentais: facer campaña contra o proxecto de estatuto "autonomista" que lle reprochan aos actuais grupos parlamentarios; denunciar "a insuficiencia do actual marco autonómico e constitucional para resolver o deterioro social e económico do país" e realizar unha "campaña pedagóxica intensiva" para a reivindicación do dereito de autodeterminación.

Conflúen persoas e colectivos diversos
"Decidimos iniciar unha nova andaina conxunta que sirva para darlle coherencia e unidade ás reivindicacións existentes no seo do pobo, e que non están representadas nos consensos da oficialidade", indican.

Segundo apunta Braulio Amaro, a iniciativa comezou a tomar forma na altura do pasado 3 de marzo, data onde se definiron os puntos de encontro mínimos arredor do eixo central: "a reivindicación da autodeterminación". Desde aquela estabeleceuse un grupo de apoio amplo do que subliñan "non quere ser nin plataforma electoral nin partido político".

Así, trátase dun modelo "flexíbel" e "inédito en Galiza" que procurará non afondar "en grandes debates ideolóxicos" que puidesen abrir fendas e afastar o obxectivo central. En consenso coa meta común, apoian xa Causa Galiza, formalmente constituída desde comezos do mes de xuño, numerosos militantes de organizacións independentistas, e tamén se suman á proposta desde algúns sectores do BNG. Ademais, persoas afíns a varios sindicatos e diversos colectivos sociais asinaron tamén a súa adhesión á iniciativa.


Manifestación "unitaria" o 25 de xullo
Os promotores convocaron para o 25 de xullo unha manifestación que pretende aproveitar o Día da Patria para avanzar na difusión da proposta e xuntar nun acto común a un colectivo de esquerda que pretenden amplo e diverso e que sairá ás 13horas da Alameda de Compostela baixo o lema "Autodeterminación".

Por outra parte, tamén tivo o seu simbolismo a escolla este sábado da entrada da Igrexa de San Martiño Pinario para a presentación do manifesto. Así, lembraron que foi este o lugar onde un 23 de abril de 1846 se refuxiaron as tropas do xeneral Solís antes de seren derrotados. "Aló púxose fin a un pronunciamento galeguista e progresista que no seu momento reclamaba un trato xusto para Galiza", recordan, destacando o simbolismo que para as forzas soberanistas implica esta lembranza.


Documentos

4,3/5 (50 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: