Os aspirantes usaríano para facilitar información e servizos a través do móbil
A compañía DotMobi, dedicada á creación e xestión de dominios para móbiles publicou unha lista de 650 dominios mobi reservados baixo nome xeográfico. Todas as cidades incluídas na lista poderán facilitar a todo o que o desexe, tanto turistas como cidadáns locais, información e servios sobre a súa cidade a través do móbil.
Todos os concellos aspirantes a ter o seu dominio teñen que encher unha solicitude na que deben especificar que contidos ofrecerían. Ademais deben detallar un plan de mercadotecnia, incluíndo a presentación da páxina aos medios, e un desembolso de 2.000 euros anuais para a súa promoción. Para rematar, é necesario achegar exemplos nos que o solicitante facilite información da súa cidade noutros dominios de Internet.
As cidades comprometeranse, tamén, a introducir contido no sitio antes de 60 días tras recibir a aprobación para a súa utilización, co que se garante a actuación activa por parte dos concellos. Tamén, os dominios terán que aceptar que o contido cumpra cos estándares de DotMobi, co fin de asegurar unha boa experiencia de usuario.
As quince cidades españolas con posibilidade de obter un dominio desta índole son Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Selecta, Zaragoza, Santiago, Almería, Burgos, Cádiz Cidade Real, Córdoba, Cuenca, Teruel e Valladolid.
DotMobi, que en España conta co apoio de Telefónica Móbiles, avaliará todas as propostas, e as que cumpran cos requisitos asinarán un contrato coa compañía.
Segundo explica a empresa nun comunicado “un sitio mobi pode supor o lugar ideal para ofrecer información de interese sobre cultura e espectáculos, noticias, negocios ou temas cívicos, tanto para residentes como para turistas. Para estes últimos, supón unha porta de entrada para acceder a servizos locais, tendas, atraccións, transportes e outros recursos de interese".