Xa arrasara con Spam, gañadora do premio Eduardo Blanco Amor o ano pasado. Agora, o autor vigués leva un novo premio de narrativa con As palabras da néboa.
Este xoves reuniuse na Estrada o xurado nomeado pola Xunta de Goberno Local para escolleren a novela gañadora da XIX edición do Premio de Novela "Manuel García Barros (Ken Keirades)". Integrábano o escritor e profesor Manuel Forcadela, o crítico e escritor Xosé Manuel Eiré Val, o crítico Luis Alonso Girgado, o editor de Galaxia Carlos Lema, e, como secretario, o escritor de Silleda Valentín García Gómez.
E o premio foi para "O Señor do Outeiro", lema que agochaba a identidade de Francisco Castro. A novela As palabras da néboa, en opinión do xurado, está artellada cun "discurso narrativo orixinal e tecnicamente esixente, en que a ficción acada a tensión e a forza necesarias para construír un universo que quebra o convencional, nunha proposta novidosa de novela histórica, alén das fronteiras xenéricas". Se Spam, a novela que lle valeu o Premio Blanco Amor 2006, publicada por Galaxia, se ambientaba no ciberespazo, Castro viaxa agora ao século XVI.
A súa andaina narrativa, de feito, ten abordado xéneros ben diferentes, mentres traballa como cronista cultural en varios medios, ademais de manter o seu blog, A canción do náufrago. Comezou a escribir nos 90, e xa gañara o Lueiro Rey de Novela Curta con Play Back. Co libro de relatos eróticos Xeografías, foi finalista do Premio Narrativas Quentes, de Edicións Positivas. A canción do náufrago, ambos de 2001, o relato histórico Memorial do infortunio, e a novela Xeración perdida, do 2004, coa que mergulla ao lector no mundo das drogas. Foi o coordenador dos Diálogos Literarios de Mariñán.