"Galiza non pode asumir limitacións no sector eólico", expúxolle o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ao ministro de Industria, Joan Clos.
Sen resposta de momento ás peticións galegas para o sector eólico. Ás negativas á petición da Consellaría de Industria ás aspiracións de potencia eólica que o Goberno deseñou cara á 2010 únese agora o silencio desde o Ministerio de Industria a unha reivindicación que foi lembrada este martes polo propio presidente da Xunta.
Emilio Pérez Touriño aproveitou para recordarlle ao ministro de Industria, Joan Clos, que Galiza "non pode asumir cortapisas" ao crecemento da súa produción de enerxía eólica. Pouco despois de que a patronal do sector advertise de que o liderado no sector a nivel estatal, mantido por Galiza até o de agora, podería pasar a telo Castela-A Mancha, Touriño afirmaba este martes que Galiza "desexa manter unha posición expansiva e de crecemento nesta materia" e destacaba a enerxía eólica como "aposta estratéxica" do Goberno. Esa estratexia estaría ameazada agora mesmo polos obstáculos para o aumento da potencia instalada, que Galiza pretende dobrar, aspirando a 6.500 megavatios para 2010, e que o goberno español non autoriza polo momento.