Xuventudes Socialistas critica a Ermitas Valencia porque "ninguén nos chamou para participar" nos actos en memoria das Mocidades Galeguistas.
A secretaria xeral de XSG, Mª Dolores Rodríguez Amoroso
A organización da mocidade do PSdeG, as Xuventudes Socialistas (XSG), cualificou este sábado de "partidista" e "sectaria" a xuntanza que a concelleira de Mocidade da Coruña, Ermitas Valencia, mantivo con membros de Galiza Nova coa intención de recuperar a memoria dos que en 1932 fundaron na cidade as Mocidades Galeguistas.
En opinión da súa secretaria xeral, Loli Rodríguez, "non nos parece a mellor maneira de facer política municipal a de confundir a Casa do Concello, que é de todos os coruñeses e coruñesas, coa casa propia".
"Os fundamentalismos, na casa"
"A nós ninguén nos chamou para participar; somos tan galeguistas e herdeiros do republicanismo como calquera ou máis; a nosa organización ten 103 anos de historia e parécenos que é unha actuación sectaria organizar unha actividade entre a Concellaría de Mocidade e Galiza Nova sen contar co conxunto do tecido asociativo xuvenil", afirmou.
"Se Galiza Nova quere organizar unha actividade está no seu dereito, agora ben que dende o concello se faga unha actividade unilateralmente cunha única organización política é unha falta de respecto ás mínimas regras de xogo", dixo Rodríguez Amoroso, quen engadiu que "os fundamentalismos hainos que deixar na casa".
Foro da Mocidade
Na xuntanza do pasado venres, Valencia anunciou a súa intención de pór en marcha un Foro da Mocidade, onde se integren as diferentes asociacións xuvenís da cidade e poidan ser discutidas as súas propostas, así como decidir que facer cos cartos municipais neste eido.
Pola súa banda, o representante comarcal de Galiza Nova na Coruña asegurou que o obxectivo das actividades en lembranza das Mocidades Galeguistas é que sexa unha celebración de toda a cidade: "A nosa vontade non é en absoluto facer nosa esta festa de todos".