Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vieiros do Mar

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Vieiros do Mar
Encontro aberto a blogueiros

"Os galegos temos un tesouro nas embarcacións tradicionais"

Estas son as verbas de Ramón Bouzas Tobío blogueiro de Singradura da Relinga e un dos organizadores do encontro de blogueiros da gran festa do mar de Ferrol.

Redacción - 10:30 07/07/2007
Unha camisola do blogue da Singradura da Relinga

Unha camisola do blogue da Singradura da Relinga

Este ano, dentro das actividades do oitavo Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza hai un buraquiño para os blogueiros tamén.

O sábado 7 a partir das 19.00 horas hanse xuntar en Ferrol varias persoas unidas pola súa querencia á cultura galega do mar e polas súas habilidades para faceren unha bitácora e iren subindo cousiñas á rede sobre este mundo.

Vieiros falou un chisco con Ramón Manuel Bouzas Tobío, o blogueiro de Singradura da Relinga, a bitácora do Grupo de Cultura Mariñeira da Asociación O Xeito da vila de Esteiro, no Concello de Muros. A vila de Ramón Bouzas é o que el chama un resultado da industrialización galega, con tres vellas fábricas de salga de peixes que foron reconvertidas ou que xa caeron. Na ría de Muros e Noia navegan con Lanchas do Xeito, unha embarcación de orixe medieval que, segundo di Bouzas, serviu de referente para a posterior construción doutros moitos tipos de lanchas.

Ramón Bouzas tamén nos contou que este encontro nace como unha ferramenta máis para pór en valor a cultura mariñeira xa que "sempre se acaba creando unha rede social arredor dos blogues e é o que a nós nos interesa: fomentar esta cultura e que chegue a todo o mundo, tamén pola rede".

Con Singradura da Relinga están na organización deste encontro os blogueiros de Lajareu por barlovento e Homes de pedra en barcos de pau. Tamén anda metido o webmaster de Cultura Marítima, a web da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF).

É a primeira vez que se fai, e segundo di Bouzas, agardan darlle continuidade. "A nosa idea é unicamente coñecérmonos as persoas que andamos na administración dos blogues e das webs relacionadas coa cultura do mar. Encarando este encontro coa pretensión de que poida xermolar algún día unha rede completa de blogueiros interesados pola cultura do mar galego".

Hai que recuperar a presenza en todas as rías do país das embarcacións tradicionais
Un dos obxectivos da FGCMF é "poñer en valor a cultura do mar e dos ríos galegos e socializala", segundo comenta Ramón Bouzas. "Trátase de recuperar a presenza, en todas as rías do país, das embarcacións de sempre e de transmitir o coñecemento pola cultura marítima, para que a xente teña un coñecemento histórico, económico e social do que acontecía até hai nada no mar galego", engade.

"Non se trata só dunha labor etnográfica", di Bouzas, "senón tamén de socialización, de comunicación á sociedade actual do que é a cultura do mar, para que a xente colla o hábito de volver ver de novo obxectos e feitos típicos da súa cultura, ocupando as rías e os peiraos, mais tamén a rede".

Pode que se chegue a xuntar moita xente escoitando aos compañeiros blogueiros do mar e da rede, no local social da Asociación de Veciños do Ferrol Vello, que foi emprestado para o Encontro. Aproveitando as novas tecnoloxías, di Ramón Bouzas, "podemos difundir a nosa actividade e enriquecer o traballo que se está a facer dende a Federación por pór en valor a nosa cultura".


4,91/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe da cabeceira do blogue que xestiona Ramón Bouzas
Imaxe da cabeceira do blogue que xestiona Ramón Bouzas
Unha Lancha de Xeito, das máis vellas de Galiza
Unha Lancha de Xeito, das máis vellas de Galiza
Outra Lancha de Xeito, amarrada en Esteiro
Outra Lancha de Xeito, amarrada en Esteiro