O Barco da Memoria, o Hidria II, e a sede das Xornadas. Na inauguración, o público gozou coa conferencia do antropólogo sueco Staffan Mörling, un dos mellores coñecedores do mundo galego do mar, e das súas xentes.
Unha das novidades a destacar no Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza que se celebra en Ferrol esta fin de semana son as Xornadas Técnicas, que se iniciaron cun chisco de atraso na primeira xornada, pero que están a ser un éxito xuntándose bastante xente entre os que ían expoñer as súas propias experiencias e o público.
As xornadas, baixo o epígrafe: ¿Cara un novo marco normativo para as embarcacións tradicionais e clásicas?, queren servir de ferramenta para a procura dunha mellor lexislación que permita conservar o patrimonio marítimo tradicional e que deixe navegar, como os máis barcos, as embarcacións antigas a vela.
No acto inaugural, o historiador e presidente do Clube do Mar de Ferrol (que esta semana entrevistabamos en Vieiros), Bernardo Maíz, adiantou que as xornadas "van ser moi atractivas tanto para as xentes de letras como para os de ciencias", e explicou para o público asistente, entre os que se atopaban un gran número de franceses, algunhas singularidades do pobo ferrolán: "en Ferrol nacemos cun lapis pequeno na man para comezar a debuxar, dende nenos, liñas rectas. Tal é o espírito cartesiano desta cidade na que todos, sen excepción, atrevémonos a opinar dos temas do mar". Sen esquecer o compoñente obreiro que define a identidade da cidade, animou o debate para buscar unha lexislación máis favorable para a conservación dos barcos tradicionais.
Pablo Carrera, director do Museo do Mar de Galicia, sito en Vigo, agradeceu a presenza de especialistas franceses, tanto no público como no estrado, xa que, segundo el, "O criterio francés é un dos máis avanzados no eido da recuperación.
Mörling emocionado polo seu retorno ás Rías Altas
Estas xornadas estanse a celebrar no Hidria Segundo, o Barco da Memoria, onde o historiador e antropólogo sueco Staffan Mörling, un dos homes que máis saben das embarcacións e da cultura do mar en Galiza, que chegou un chisco tarde e desculpouse dicindo: "teño que xustificarme aínda que non teña moito perdón, pero é que ao chegar onte a Ferrol atopei tantos vellos amigos e fixen tantos novos amigos que a noite botouse enriba".
Este home foi un pioneiro na posta en valor das embarcacións tradicionais galegas, grazas a un estudo que fixo, hai máis de corenta anos, cando percorreu a costa galega e cantábrica. "Foi entón cando vin a gran cantidade de barcos hoxe xa desaparecidos, embarcacións inspiradas no falucho catalán, que navegaban a vela latina e que mariscaban con arrastre desenvolvendo unha forza moi considerable".
O antropólogo, asentado en Galiza hai xa moitos anos, fixo unha descrición polo miúdo daqueles barcos e parou un chisco para falar "daquelas xentes" xa que "o modo de vida que tiñan os galegos daquela altura, fundamentábase nun soporte ecolóxico. O seu simple modo de produción tiña unha estrutura cunha grande ideoloxía, cunha escala de valores insuperable. Sabíase o que era bo, o que era malo, o aceptable e o que non se podía aceptar. Ese conxunto de características era o que facía nacer unha identidade propia que tanto interese esperta nos antropólogos".
Staffan Mörling especificou que en Galiza existía tamén outro modelo, o capitalista ou catalán, pero que era un modelo imposto que non lle tivo tanto interese. O resto da súa conferencia versou sobre tipoloxías, e contou unha morea de simpáticas anécdotas sobre da rivalidade entre as vilas por teren as mellores embarcacións.
A súa amenidade, simpatía e empatía cos asistentes fixo da súa conferencia inaugural todo un éxito.