Moitos contadores e contadoras de "sucedidos" concéntranse nesta I Festa da Narración Oral, organizada pola Nova Escola Galega e o colectivo Tatalo, e que conta entre outros con Paula Carballeira, Pepe Penabade, Carlos Blanco, Miguel de Lira e Pepa Yáñez.
"A narración oral é sempre un acto no que se mesturan pracer e xenerosidade. Porque, para que xorda a emoción, quen conta debe poñer a súa arte e sabedoría ao servizo do auditorio, e quen escoita deberá entregarse sen reservas". O carácter irrepetíbel dunha historia contada, momento preciso e irrecuperábel ("por máis que a historia volva ser contada xa non será a mesma, coma o río aquel") é unha das cousas que lle dá esa maxia á anécdota contada, como explican dende a organización da I Festa da Narración Oral.
Organízana a Nova Escola Galega e o colectivo Tatalo. O tema central desta primeira edición é o xénero básico da narrativa oral, o "sucedido": como explica Xabier P. Docampo, que será unha das voces da tarde, "non consiste na simple narración de sucesos ou anécdotas, senón de algo que vai moito máis aló: son historias coa estrutura dun conto de tradición oral, que sempre se narra na forma de algo acaecido na realidade". A súa intervención, Aqueles contos non eran ningún conto, terá lugar ás 17.30 da tarde do sábado. Precédeo Cándido Pazó.
Pola mañá, a profesora do CPI de Bembibre e contacontos Iolanda Aldrei e o ilustrador Xosé Cobas, ofrecen cadanseu obradoiro ás persoas inscritas. Ao longo da tarde e da noite contaremos con voces expertas no mundo da narración oral: Paula Carballeira, Pepe Penabade, Carlos Blanco, Miguel de Lira, Pepa Yáñez... A música de Ugia Pedreira completa esta feira das palabras.