Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cultura programa actos en máis de 100 concellos

A cultura sae á rúa polo verán

Chega o verán, pasamos máis tempo na rúa gozando do bo tempo, e é o momento perfecto para aproveitar as actividades culturais ao aire libre.

Redacción - 09:45 08/07/2007

"Cultura de rúa" contará con 261 actuacións: teatro, maxia, monicreques, contacontos ou concertos son algunhas das propostas, que podemos consultar a través desta web. A Consellaría de Cultura organiza esta iniciativa e financia entre o 50% e o 60% das actuacións, cun orzamento total de 230.000 €.

Preto de cen grupos e artistas tomarán as rúas de cidades e de vilas galegas desde este luns día 10 de xullo até o 29 de setembro: a música imparábel de Mercedes Peón, Os Cempés, Pablo Carpintero, Quempallou, Llan de Cubel ou Zenzar; as historias engaiolantes de Cándido Pazó e Santi Prego; o talento sobre a escena de Migallas, Caramuxo, Danthea e Nove-Dous; as gargalladas que nos arrincarán Kote Malabar Clown, Pablo Trasno ou o grupo de circo Pistacatro, ou os trucos dos magos Norberto, Richard ou Xacobe. Os máis pequenos (ou non tan pequenos), poderán gozar dos espectáculos de monicreques de Cachirulo, Cascanueces, Falcatrúa e Tanxarina.

"Cultura de rúa" é un dos novos circuítos culturais postos en marcha pola Consellaría de Cultura e Deporte para achegar os espectáculos culturais e as artes a todos os concellos, mentres dá novas oportunidades aos artistas e grupos galegos. Entre estes circuítos tamén figuran "Cultura en familia" e "4x4", que se interromperon durante o verán para dar paso a "Cultura de rúa".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: