Mentres os estudos sinalan centos de treitos perigosos e en mal estado, Tráfico desvía a culpa dos accidentes.
Hai pouco máis de seis meses que o goberno español amosaba os datos segundo os cales no treito 2001-2005 a Dirección Xeral de Tráfico, DXT, ingresou máis de 173 millóns de euros en Galiza. No mesmo período, e tal e como recoñecía o executivo en resposta a unha pregunta do BNG no Congreso, a DXT apenas gastou un 15% desa cantidade no noso país.
Mentres estudos paralelos sinalan o mal estado das estradas galegas, cun elevado número de treitos perigosos e en xeral un significativo mal estado de conservación das vías, desde Tráfico evitan considerar eses factores ao avaliar a sinistralidade en Galiza. Por riba, apenas 26 millóns de euros do recadado no conxunto das estradas do país foron destinados pola DXT a proxectos relacionados con Galiza entre os anos 2001 e 2005.
Touriño e Quintana critican as declaracións de Pere Navarro
Ás palabras do responsábel da DXT, que este xoves se referiu ao presunto "pesimismo crónico" dos galegos fronte a sinistralidade nas estradas, respondeu tamén o presidente da Xunta. Emilio Pérez Touriño cualificou de "desafortunadas" e "altamente equivocadas" as palabras de Pere Navarro e pediulle unha "oportuna rectificación".
De paso, avisoulle de que lle toca "poñerse as pilas" para botar adiante compromisos asumidos con Galiza e de momento incumpridos. Sobre o mesmo asunto, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, aproveitou para lembrarlle a Pere Navarro que Galiza solicitou xa o traspaso das competencias en Tráfico, petición á que de momento parece non responder o goberno español.