Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
O USO DA REDE SOBE 4 PUNTOS MÁIS NO ESTADO CA EN GALIZA

A fenda dixital galega segue a medrar

Navegar con banda larga é imposíbel mesmo en parroquias de seis dos sete concellos urbanos. Telefónica debe completar o despregamento este ano.

M.V. - 12:01 05/07/2007

Os últimos datos do Estudio Xeral de Medios, o coñecido EGM, non sacan a Galiza da cola do uso de internet. Cun 31,6% da poboación que se conectou no último mes, a comunidade segue a ocupar o antepenúltimo posto na clasificación estatal, só por detrás de Estremadura e Castela a Mancha. Pero o máis preocupante destas cifras é que a fenda dixital galega respecto ao Estado non diminúe, senón que segue a medrar.

Así, no último ano aumentou un 4,2% o número de internautas a nivel español. En Galiza, a penas medrou un 0,4%. A incapacidade galega de recortar distancias é vella. Mentres no Estado a cantidade de internautas subiu un 12% nos últimos cinco anos en Galiza só medrou un 4%.

Varios factores contribúen a explicar o atraso galego. Unha deles é a imposibilidade de contratar banda larga en moitos lugares do país. Telefónica, financiada polo Ministerio de Industria e a Xunta, está a espallar lentamente a cobertura.

Listaxe de lugares a conectar
Pero aínda existen numerosos núcleos de poboación nos que usar a alta velocidade é unha utopía. E isto non sucede só no rural, se non que se produce en seis dos sete concellos urbanos do país.

Así hai lugares sen acceso en Santiago (Barciela, Aradas, Bargo, Formaris e Reboredo), Lugo (Adai, Bocamaos, Ombreiro, Progalo, Romeán e Tirimol), Ourense (Ceboliño), Vigo (Freixo), Ferrol (Cobas, Marmancon e Vila da Iglesia) e Pontevedra (Birrete, Ruibal, Pazo, Tilve e Bouza).

De cumprirse a listaxe do Ministerio de Industria, estes e outros tres mil núcleos deberían ter cobertura antes do fin de 2007. Pero o certo é que o ritmo de cumprimento do Plano de Extensión da Banda Larga por parte de Telefónica non comezou a ser realmente efectivo hasta este ano.

É un problema de infraestruturas?
Malia todo, a falta de infraestruturas non parece ser o factor determinante, pois en realidade o 80% da poboación xa pode contratar ADSL. Un problema que contribúe moito á fenda dixital galega é o avellentamento da poboación do país. E é que o EGM indica que os maiores de 65 anos a penas representan o 5% total dos internautas.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: