O coordinador xeral de Izquierda Unida criticou especialmente que mentres o Estado parece converxer coa UE en renda, permanece "lonxe" en gasto social.
"Se non logramos diminuír a pobreza neste momento de crecemento económico cando o imos facer?", preguntoulle Gaspar Llamazares aos representantes do Estado español. Llamazares laoiuse de que o modelo de creación de emprego implique "emprego precario" e lembrou por exemplo que un millón e medio de mozos con titulacións universitarias están en empregos que non teñen nada que ver coa súa formación. "Hai un desbalde de capital humano", alertou.
Cambios de esquerda e "renuncias"
Llamazares referiuse así á "falta de cambios de esquerda" na actuación do executivo, froito dunha política "errática" que na súa opinión favoreceu "un crecemento das expectativas electorais da dereita". "O criterio de comparación non debera ser o que facía mal o PP, senón o que se pode facer cunha maioría de esquerdas no Congreso", comentou.
O líder de Izquierda Unida referiuse tamén á oferta o día anterior dun cheque ás familias de 2.500 euros por fillo, iniciativa que emparentou cun modelo "liberal" de axudas. Fronte a iso, solicitou "máis recoñecemento de dereitos e menos cheques", pedindo que se promova para as familias a creación de servizos públicos que na súa opinión terían un mellor impacto en favor da natalidade.
Por outra parte, queixouse de que no seu discurso Zapatero evitase falar da especulación urbanística, limitándose á mención dun "descontrol" no urbanismo. Na opinión de Llamazares "non temos un urbanismo descontrolado, senón un modelo de especulación urbanística que está corrompendo a política". Alén dun pacto contra a especulación, Gaspar Llamazares chamou a dialogar e deseñar plans para o incremento do salario mínimo; impulso dun dereito efectivo á vivenda; políticas de alugueiro ou triplicar o orzamento para a lei de dependencia.
A negociación coa ETA
Ao respecto da fin do cesamento de fogo da ETA, o voceiro parlamentario de IU avaliou que a situación está "entre a violencia da propia ETA e a intolerancia dos que boicotearon a tregua de principio a fin e non o fixeron por desconfianza no proceso, senón por sectarismo político". Así, e en relación ao PP engadiu que os conservadores boicotearon o proceso de paz "para que o problema non o solucionase con éxito un goberno de esquerdas".