A exemplar contestación cidadá, organizada xa dende os primeiros momentos do anuncio da construción da planta de gas, non conseguiu pararlle os pés a Reganosa. Os intereses empresariais, arroupados polo poder político -polo de antes e polo de agora- arrasaron coas demandas da cidadanía. E fixérono con argumentos de cuestionada legalidade e sen ter en conta as posíbeis repercusións para o medio ambiente ou a seguranza da poboación próxima. Un artigo de Manuel Afonso Domínguez, profesor da Universidade da Coruña.
Vista aérea da planta de Reganosa no interior da ría de Ferrol
A idea de construír unha planta regasificadora de gas natural licuado (GNL) en Ferrol remóntase a 1994 cando a empresa pública Enagas avalía a posibilidade de emprazar unha planta deste tipo na ría ou nas súas proximidades. O lugar seleccionado por Enagas foi Caneliñas, xusto onde actualmente se sitúa o novo porto exterior de Ferrol, xa que un informe de riscos encargado á empresa MW Kellog rexeitaba calquera emprazamento no interior da ría. Paradoxalmente, a razón de levar a cabo a construción do porto exterior de Ferrol era precisamente para trasladar a ese lugar os tráficos de mercadorías perigosas e nocivas para os habitantes da ría.
Cando a finais de 2000 se difunde nos medios que o lugar proposto polo empresario Tojeiro era o concello de Mugardos, en pleno corazón da ría de Ferrol, os veciños comezan a organizarse en contar deste perigoso emprazamento. Cos datos de riscos e normativa vixente que se dispuña nese momento elabórase un expediente que se envía a un número importante de autoridades autonómicas e nacionais. Nese mesmo ano e aproveitando a campaña electoral autonómica entrégaselle en man unha copia do informe ao entón secretario xeral do PSOE, José Luis Rodríguez Zapatero, e ao seu candidato á presidencia da Xunta, Emilio Touriño, que nos prometeron "estudalo con detalle".
No verán do ano 2001 constitúese o Comité Cidadán de Emerxencia (CCE), con representantes dunha ducia de asociacións de veciños e do mundo da cultura, contando co apoio dun grupo de profesores da UDC manifestamente contrario a esta localización. Preside este Comité de forma honorífica o ex-xeneral José Manuel Gabeiras Montero contando ademais, naqueles momentos, co apoio institucional do Concello de Ferrol. O alcalde Xaime Bello reúnese co empresario Tojeiro e intenta en van convencelo de que o lugar elixido non ofrece condicións adecuadas de seguridade para a poboación e ademais o canal da ría non permite que o buque gaseiro poida saír ao mar en condicións de emerxencia. Foi inútil.
O debate sobre a planta polarizábase entón en dúas posibilidades: ou se facía en Mugardos ou non se facía. Teñen lugar, de forma organizada, unha serie de adhesións ao proxecto de Tojeiro principalmente por políticos do Partido Popular e algúns empresarios da zona. Participan tamén varios medios de comunicación, destacándose un periódico de gran difusión en Galicia que rexeitou, até estas datas, calquera artigo contrario aos intereses dos promotores da planta. Faltou o debate, algo fundamental nunha democracia.
Os promotores visitaron, casa por casa, aos veciños de Mugardos para "prometer" portunidades de traballo. Manexáronse conceptos favorables ao proxecto como que: suporá o fin da lacra do paro na zona, é un combustible limpo, abarataría a factura do gas, daría unha independencia enerxética a Galicia, atraería novas empresas, etc., é dicir, seguiuse o guión típico destes casos e mediante campañas publicitarias nos medios de comunicación. Unha infamia.
Para os lectores non familiarizados con estas plantas de GNL detallamos as súas principais características: Compóñense dunha terminal de descarga de buques gaseiros, dous inmensos tanques almacén de gas licuado de 150.000 metros cúbicos de capacidade cada un (algo así como dous campos de fútbol, de 70 metros de diámetro e unha altura, 42 metros, equivalente a un edificio de 42 pisos) e uns sistemas de vaporización de GNL para devolver o gas natural licuado ao seu estado gasoso. O GNL recíbese e almacénase a unha temperatura crioxénica de - 160 ºC, e ha de ser quentado para a súa regasificación e inxección no gasoduto. Para esta operación elixiuse un sistema que implica a posta en circulación de 300 millóns de litros ao día de auga de mar. Mediante a redución da súa temperatura, uns 8ºC , conséguese vaporizar os 322.500 metros cúbicos (N) por hora. Mais poderían chegar a usarse até 600 millóns de litros/día de auga de mar se logran a autorización para duplicar o caudal de regasificación.
Segundo a doutora Susan Mopper da Universidade de Lafayette (Lusiana) este sistema podería provocar unha "zona morta" na ría xa que esa inxente cantidade de auga será tratada con hipoclorito sódico para eliminar as incrustacións orgánicas nos equipos da planta. Deste modo eliminaríanse as larvas e ovos das próximas xeracións de peixe e molusco da zona, así como tamén o diminuto plancto que forma a base da súa cadea alimentaria. Ademais, a auga do mar retornaría á ría moi fría debido ao proceso de quecemento do GNL, o que engadiría un factor máis de destrución. O propio Tojeiro presumía no ano 2001 de que a súa planta non ía usar este sistema. Outra infamia.
Ao longo da súa actuación, o CCE recibe o apoio de cerca de 60 asociacións de todo tipo que se reúnen en periódicas asembleas cidadás para informar das actuacións xudiciais e xestións do CCE , debater propostas de actuacións... Os procesos xudiciais abertos contar a planta de gas son os seguintes: 1º) contra a declaración de efectos ambientais, 2º) contra a autorización administrativa previa de 2002, 3º) contra a concesión marítima terrestre, 4º) contra a declaración de efectos ambientais, 5º) contra o PXOUM de Mugardos 2003, 6º) contra a autorización de construción 2004, 7º) contra a licenza de obras aprobada polo concello de Mugardos, 2004, 8º) contra a autorización de vertidos de auga ao mar 2006, 9º) Queixa por vulnerar a directiva 85/337/CEE e Seveso II, na Unión Europea. Actualmente hai dúas sentencias do TSXG favorábeis aos veciños por non levar a cabo o Estudo de Impacto Ambiental.
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 121, xuño de 2007)