Vieiros falou con Manolo Bacallau, un dos organizadores dos VIII Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galiza -que se han celebrar en Ferrol do 5 ao 8 de xullo-, e membro do Clube do Mar da cidade.
A Manolo Alonso chámanlle Bacallau, segundo di el, porque embarcou só unha vez cara Terranova, na campaña do bacallau; só unha vez, mais quedoulle, porque había moitos Manolos e cumpría diferenciar.
Sabe moito do mar: das montañas de auga do mar adentro, e do mar, por veces calmo, de Ferrol. Bota o día no peirao de Curuxeiras e coñece todas as embarcacións tradicionais da zona. Para el, os barquiños que aínda navegan, son o traballo de cen anos, de carpinteiros armadores, mariñeiros... que agora están perdendo o seu sitio nos peiraos, porque todo é "fibra, fibra, fibra..." e os mariñeiros son botados dos amarres tradicionais, fóra dos seus lugares de orixe, para que "a xente pudente" goce do entorno da xente mariñeira.
Bacallau fálanos do medo que se pasa no mar, do que el ten vivido e do "terrible" que é a vida mariñeira, ademais de dar pistas do que se poderá atopar a finais da semana en Ferrol, no VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza.
"A vida do mariñeiro non ten moito que envidiar; tres días bota en terra e vintecinco no mar"